Sabes quen son os urban sketchers? Descúbreo na Bienal

Pontevedra
09 de setembro 2025

Este domingo 14 de setembro haberá unha quedada moi especial: o grupo reunirase na Bienal de Arte para debuxar e render unha homenaxe a unha figura moi querida na cidade: Carlos Taboada

Grupo de urban sketchers de Pontevedra
Grupo de urban sketchers de Pontevedra / Urban sketchers de Pontevedra

Son persoas que saen co seu caderno e os seus lapis á rúa e ponse a debuxar o que ven. Así, sen filtros.

Escenas da vida cotiá, edificios, prazas, parques, persoas tomando un café ou esperando o bus… Todo o que forma parte do día a día nunha cidade pode acabar convertido nunha ilustración.

Os urban sketchers ou debuxantes urbanos teñen unha filosofía moi clara: debuxar no lugar, xa sexa en interiores ou ao aire libre, sempre a partir da observación directa.

O seu obxectivo non é facer unha obra perfecta, senón capturar o momento, contar unha historia visual da súa contorna.

Cada debuxo é como unha pequena crónica do sitio onde están e do instante en que o fixeron. Non importa si usan acuarelas, tinta, lapis ou bolígrafos: o importante é que reflicten a realidade á súa maneira, co seu estilo propio.

Esta comunidade naceu hai algúns anos como un grupo pequeno en Flickr, e hoxe converteuse nun movemento global con máis de 120.000 membros e presenza en máis de 60 países.

En Pontevedra tamén temos o noso grupo. O 26 de maio de 2024 naceu oficialmente o colectivo local de urban sketchers e, desde entón, reúnense unha vez ao mes para saír a debuxar en grupo. As sesións son informais, distendidas e abertas a calquera que queira unirse.

Os debuxos que se fan adoitan ser rápidos (sketches) e complétanse nunha ou dúas horas. Aínda que hai liberdade total para elixir materiais e formatos, o máis habitual é ver cadernos de papel de acuarela en tamaño A5 ou A4.

Este domingo 14 de setembro haberá unha quedada moi especial: o grupo reunirase na Bienal de Arte de Pontevedra para debuxar e render unha homenaxe a unha figura moi querida na cidade: Carlos Taboada.

Carlos foi moitas cousas: porteiro de balonmán, contacontos, activista cultural, ilustrador, escritor… pero sobre todo, un impulsor incansable da creatividade.

En 2008, xunto a Enrique Mauricio, fundou o colectivo Polo Correo do Vento, dedicado á literatura infantil, a animación á lectura, a ilustración e a creación audiovisual. Tamén publicou dúas obras en solitario como autor e ilustrador, ambas as finalistas do Premio Merlín de Literatura Infantil: A biblioteca de Pedrarcana (2018) e O caderno de Roque (2025).

Este domingo, a arte mesturarase co recordo, a rúa coa emoción e os lapis coa historia.

Arquivado en