Un artigo de Rexina Vega sobre os tabús do cancro gaña o premio Fernández del Riego de xornalismo

Pontevedra
23 de outubro 2025

A súa peza, subliñou a autora, "conta momentos duros, momentos que tarde ou cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar". Recibirá 10.000 euros como premio polo seu artigo

Rexina Vega recolle o XXII Premio Fernández del Riego de xornalismo Afundación

A edición número 22 do premio de xornalismo Fernández del Riego xa ten gañadora. Trátase da profesora, tradutora e escritora Rexina Vega, segundo anunciou este xoves Afundación.

Un artigo titulado "Aínda aprendo" e publicado na revista Tempos Novos o 1 de xaneiro de 2024, no que a autora reflexiona sobre os tabús do cancro, foi o merecedor deste galardón.

Recibirá 10.000 euros como premio. Para as outras dúas finalistas, Alba Moledo Ucha e Carmen Villar Alonso, a contía deste recoñecemento será de 2.000 euros cada unha.

Durante o acto de entrega do premio, Rexina Vega asegurou estar "moi agradecida" ao xurado, composto por xente "que admiro sinceramente" por elixir o seu artigo.

"Conseguir chegar a ser a premiada é un azar fermosísimo, pero un azar", destacou.

A súa peza, subliñou a autora, "conta momentos duros, momentos que tarde ou cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar".

A finalidade do texto era "calmar a imaxinación e non incitala", explicou Vega, contribuíndo a "desposuír de relato unha palabra: o cancro, marcada polo tabú e mais polo medo".

Con premios como o Fernández del Riego, engadiu a gañadora, "dignificamos" o galego, poñendo en valor o espazo da comunicación, salvando o "pouso literario" que o xornalismo literario deita sobre o presente, algo que para ela "é unha tarefa importante, necesaria e urxente".

O presidente do xurado, Víctor Freixanes, celebrou que a esta edición se presentaran traballos "moi intensos e dunha exquisita calidade na escrita" e que os finalistas foran artigos "cheos de esperanza" no medio dun tempo "de confusión, caos e desesperanza".

"O de Carmen ten raíces na terra como algo que nos sostén e que lle dá sentido á vida; no de Alba, eses gromos que milagrosamente aparecen na planta; e o de Rexina pois porque escenifica que estamos aquí, que seguimos aquí, e que entre todos podemos seguir adiante", resumiu.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora