Arume estrea con éxito "A farsa de Bululú", unha sátira política sobre a ditadura, no Sexto Edificio

Pontevedra
21 de setembro 2014

O salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu, con grande éxito de público, a primeira obra dun ciclo teatral que se vai desenvolver durante os próximos tres meses. Foi A farsa de Bululú de Manuel María, representada pola compañía Arume Teatro

Representación de "A farsa de bululú", de Arume Teatro, no Sexto Edificio do Museo
Representación de "A farsa de bululú", de Arume Teatro, no Sexto Edificio do Museo / Diego Torrado

Os grupos locais de teatro contan, dende este sábado, cun novo escenario para dar renda solta ao seu inmenso talento. O salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu, con grande éxito de público, a primeira obra dun ciclo teatral que se vai desenvolver durante os próximos tres meses. Foi A farsa de Bululú, representada pola compañía Arume Teatro.

A farsa de Bululú é unha obra escrita por Manuel María en plena ditadura. Trátase dunha sátira que fai referencia á situación política durante o franquismo. Toda unha alegación antimilitarista, escrita en clave para evitar a censura da época. Así, tras o Bululú, o Gran Mariscal ou a Raíña Facunda escóndense Franco, Carrero Blanco e outros personaxes destacados do réxime.

Esta farsa, que bebe das fontes satíricas da tradición galego-portuguesa das cantigas de escarnio e maldicir e na que se critica claramente ao exército, tamén ten claras referencias ás obras de Valle-Inclán e de Lorca.

Este ciclo de teatro, que inclúe tres obras das compañías Arume, 105 bicos e Armadiña, é unha proposta das propias asociacións culturais, que solicitaron á Deputación a inclusión desta actividade artística dentro da programación do Museo.

A próxima representación será o próximo 18 de outubro e correrá a cargo de 105 bicos. O ciclo concluirá o 15 de novembro coa obra Saúde Private Hospital, de Armadiña Teatro.