Ata o 30 de novembro ábrese o prazo para presentar textos ao Certame de Microteatro da Memoria

Pontevedra
27 de outubro 2021

A deputada de Memoria Histórica María Ortega e o novo director da Escola de Arte Dramática de Galicia, Roberto Relova, asinaron un novo convenio de colaboración este mércores coa intención de impulsar a memoria histórica entre a xente nova

O director da Escola de Arte Dramática de Galicia, Roberto Relova, e a deputada de Memoria Histórica, María Ortega
O director da Escola de Arte Dramática de Galicia, Roberto Relova, e a deputada de Memoria Histórica, María Ortega / Deputación de Pontevedra

O departamento de Memoria Histórica da  Deputación de Pontevedra a través da responsable María Ortega asinaba este mércores o acordo de colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), representada polo seu director Roberto Relova, coa intención de poñer en marcha a segunda edición do Certame de Microteatro da Memoria.

Numerosos estudantes e antigos alumnos da ESADg participaron na primeira edición deste concurso de textos teatrais, que finalmente gañaba 'Un biolo na noite', de Ana Abad de Larriva, unha obra na que se aborda a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero, con visión de país e de clase.

Este  certame, segundo Relova, supón investigación, pedagoxía e que o alumnado se implique con propostas baseadas na realidade histórica do pobo. 

As bases para participar nesta segunda edición publicaranse na páxina web da Deputación e da ESAD o vindeiro martes 2 de novembro. Calquera persoa que o desexe pode presentar os seus orixinais que deberán ser pezas curtas cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara, de estilo libre e escritas en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.

O prazo de presentación finaliza ás 00.00 do 30 de novembro. A entrega deberá ser telemática a través do correo electrónico [email protected] no que conste como asunto 'II  Certame de Microteatro da memoria'.