A música galega foi protagonista este mércores nas Festas da Peregrina da man dunha das propostas máis rechamantes dos últimos anos, a de Baiuca.
O proxecto musical do catoirés Alejandro Guillán, referente no panorama galego pola súa mestura de sons folclóricos e música electrónica, puxo ao bailar aos pontevedreses na actuación central da xornada, no escenario da Praza de España.
Antes, o dúo Fetén Fetén amenizou o serán na Praza da Ferrería coa súa proposta de música, como eles mesmos definen, "para sonreir, bailar e emocionarse".
A programación das Festas da Peregrina ten continuidade este xoves 17 de agosto cunha nova xornada de eventos entre os que destacan o recital previsto de Os Coribantes de Buchabade na Ferrería (21.00 horas) e a mítica banda Mägo de Oz na Praza de España (22.30 horas), coñecida por fusionar estilos como o rock e o metal coa música celta e folk.