O Ballet de Kiev repite en Vilagarcía cunha función solidaria de ‘O Quebranoces’

O Salnés
08 de decembro 2025
Actualizado: 10 de decembro

Será o 5 de febreiro ás 20:30 horas no auditorio municipal. Este espectáculo xa estivo en 2022 e acadou moito éxito. A compañía doará parte do recadado ao apoio de accións humanitarias en Ucraína

O Crebanoces
O Crebanoces / Ballet de Kiev

O prestixioso Ballet de Kiev de Viktor Ishchuk regresa a Vilagarcía catro anos despois da súa última función co mesmo espectáculo e fins solidarios. 

Representará O Quebranoces, espectáculo co que xa estivera na localidade no ano 2022 e co que acadou moito éxito.

A actuación será o xoves 5 de febreiro ás 20:30 horas no auditorio municipal.

A compañía anuncia que doará parte do recadado ao apoio de accións humanitarias en Ucraína.

O elenco de Golberg Artistas AIE presentará unha versión "colorida e emotiva" do conto de Nadal, con música de Tchaikovsky e a coreografía de Marius Petipa e Lev Ivanov, "que se mesturan para crear un espectáculo impresionante cheo de beleza, maxia e encanto".

O ballet conta a historia de Clara, unha rapaza que recibe un regalo do seu padriño, un quebranoces en forma de soldado. Durante a noite, a rapaza transpórtase a un mundo máxico onde os bonecos cobran vida e o quebranoces convértese nun príncipe encantado.

O Ballet de Kiev mantén entre os seus principais obxectivos "a preservación das tradicións e a esencia do ballet clásico", que se reforza polo especial dos seus decorados e o vestiario deseñados en exclusiva polos mellores mestres.

As entradas xa se poden adquirir en Ataquilla.com a partir de 26 euros, gastos de xestión aparte.

De non esgotarse, poranse á venta na billeteira do auditorio dúas horas antes da actuación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora