Bambú pon os seus ollos sobre Santa Clara como escenario dunha posible rodaxe

Pontevedra
07 de marzo 2022

Un equipo da produtora visitou a semana pasada o convento de Santa Clara. Os técnicos de Bambú percorreron todas as estancias do convento para buscar as localizacións adecuadas para este novo proxecto audiovisual, en principio unha película, incluídas as zonas que actualmente seguen pechadas ao público

Primeiro día do convento de Santa Clara como patrimonio público
Primeiro día do convento de Santa Clara como patrimonio público / Mónica Patxot

A relación do produtora Bambú Producciones con Pontevedra ten todos os visos de alongarse. Tras elixir a cidade como escenario de varias das súas series, entre elas Fariña ou Un asunto privado, os seus responsables volveron a poñer os seus ollos sobre a Boa Vila.

Así, un equipo da produtora visitou a semana pasada o convento de Santa Clara, segundo puido saber PontevedraViva. Fixérono acompañados do edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, que está a coordinar todas as visitas a este histórico inmoble.

Os técnicos de Bambú percorreron todas as estancias do convento para buscar as localizacións adecuadas para este novo proxecto audiovisual, en principio unha película, incluídas as zonas que actualmente seguen pechadas ao público.

Aínda que por agora non transcenderon os detalles desta nova aposta de ficción, fontes consultadas por este xornal aseguran que o maior interese da produtora virou ao redor das posibilidades que ofrece a capela que hai no interior de Santa Clara.

Os produtores xa viran imaxes de todo este ámbito, recentemente recuperado para o goce de toda a cidadanía, e concluíron que este espazo podería encaixar nos parámetros que están a buscar para localizar este proxecto.

Esta posibilidade de converter Santa Clara en escenario de rodaxe encaixa na aposta do Concello por fomentar diversos usos culturais e sociais no convento, de forma que se converta nun referente para a actividade diaria da cidade.