A Banda de Música de Pontevedra arrinca este verán o seu novo ciclo de actuacións ao aire libre chamado 'Sons na rúa', cualificado polo concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, como un "auténtico luxo" ao tratarse dunha "proposta moi variada e aberta a todos os públicos".
Gómez, acompañado do director da banda, Rafael Agulló, e do presidente, Víctor López, convidou a "saír á rúa" para gozar destas propostas musicais que dan continuidade ao ciclo anual 'Viento en popa a toda vela' e que recollen a testemuña do "ciclo de butaca" desenvolvido no Teatro Principal e no Pazo da Cultura.

O cartel componse de catro citas que percorrerán diferentes culturas a través da música.
A primeira, 'Estampas Ibéricas', celebrarase este sábado na Alameda (20:30 horas) e percorrerá as culturas da Península Ibérica a través da música catalá, vasca e flamenca. Incluirá 'Canso de tradición' do portugués Luís Cardoso e 'Fantasía' de Simón Couteiro, baseada en tres temas populares galegos.
Nas Festas do Santiaguiño (22 de xullo, 20:30 horas), a banda ofrecerá un concerto homenaxe a grandes voces da historia da música, con especial protagonismo de Aretha Franklin e Frank Sinatra.
'Escala en América', pola súa banda, ofrecerá o 31 de xullo (20:00 horas) unha viaxe sonora de norte a sur do continente americano e servirá para presentar oficialmente a Daniel Penas como novo director asistente da agrupación.
A gran sorpresa chega o 12 de agosto con 'Bravú bandístico', un espectáculo inédito que mestura o movemento musical galego 'Bravú' coa música de banda.
Agulló asegurou que o resultado será "súper interesante" e "non deixará indiferente a ninguén".