Cadernos FICBUEU presenta o seu primeiro número adicado á Nouvelle Vague

Bueu
15 de setembro 2020

O traballo de Severiano Casalderrey céntrase na produción de curtametraxes de directores desta corrente como Éric Romer, Jacques Rivette, Jean-Luc Godard ou François Truffaut, entre outros, un precedente indispensable para entender a produción posterior destes autores e un dos aspectos menos explorados da Nouvelle Vague

Presentación do primeiro volume de Cadernos FICBUEU Severiano Casalderrey

Este martes presentábanse no Centro Social do Mar de Bueu os Cadernos FICBUEU, cunha primeira entrega baixo o título 'A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965)' e a autoría do subdirector do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), Severiano Casalderrey.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaba neste acto, no que destacaba o labor de investigación e o estilo cercano do autor para "escribir un traballo que é, ao mesmo tempo, ameno, claro e rigoroso".

O volume 'A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965)' recompila o traballo de selección e de investigación realizado para a Sección Retrospectiva, unha das novidades da edición de 2019 do festival e que toma forma na presente para dar protagonismo a obras de difícil acceso para o público pero con grande valor histórico no desenvolvemento do cinema e do formato curtametraxe.

Nesta ocasión, os cadernos, que se publican en edición bilingüe galego-inglés e co apoio da Xunta de Galicia, analizan unha das correntes cinematográficas máis coñecidas da historia, a Nouvelle Vague francesa, que presentou e consolidou as súas primeiras longametraxes hai 60 anos, cando Truffaut foi galardoado co premio ao mellor director do Festival de Cine de Cannes por 'Os 400 golpes'.

O traballo de Severiano Casalderrey céntrase na produción de curtametraxes de directores desta corrente como Éric Romer, Jacques Rivette, Jean-Luc Godard ou François Truffaut, entre outros, un precedente indispensable para entender a produción posterior destes autores e un dos aspectos menos explorados da Nouvelle Vague.