Caldas de Reis ofrece a mostra fotográfica 'Auga. O sangue da terra' ata final de xullo

Umia
04 de xullo 2020

 Concello, ABANCA e Afundación colaboran na organización da exposición que forma parte do proxecto 'Corrente cultural'

Exposición 'Auga, o sangue da terra'
Exposición 'Auga, o sangue da terra' / Afundación

' Auga. O sangue da terra' é a exposición fotográfica de Manuel Valcárcel que se pode visitar desde este venres 3 de xullo no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, resultado da colaboración entre o Concello, ABANCA e Afundación.

Trátase dunha iniciativa que forma parte do proxecto 'Corrente cultural' que considera a arte como un instrumento que fomenta o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Neste caso móstrase a relación do ser humano coa auga a través de fotografías dos cinco continentes.

Os estados da auga, a auga e a vida e vivindo na escaseza son os tres bloques que articulan a exposición. No primeiro Valcárcel ofrece imaxes tomadas en Nova Zelandia e Galicia mostrando a relación entre a montaña e o mar; no segundo bloque leva ata India e China e no último Mali, Níxer e o deserto de Atacama.

A mostra, gratuíta, estará aberta de martes a domingos ata o 30 xullo. En horario vespertino, de 18.30 a 20.30 horas, pódese acceder libremente, mentres que polas mañás é necesario solicitar cita previa.