Calquera día é bo para unha festa. E con teatro, máis

Pontevedra
12 de febreiro 2017

A compañía galega Berrobambám foi a encargada de poñerlle a diversión á xornada deste domingo en Pontevedra no marco do ciclo Domingos do Principal. Representaron a súa obra Xurdefet (Jour de fête) 

Representación de 'Xurdefet (Jour de fête)', de Berrobambám, en Domingos do Prinicipal
Representación de 'Xurdefet (Jour de fête)', de Berrobambám, en Domingos do Prinicipal / Diego Torrado

A compañía galega Berrobambám foi a encargada de poñerlle a diversión á xornada deste domingo en Pontevedra no marco do ciclo Domingos do Principal. Ás 12.00 representaron a súa obra Xurdefet (Jour de fête), recomendada para nenos a partir dos seis anos, e repitena ás 18.30 horas

Durante unha hora, Berrobambán ofreceu a pequenos e maiores un espectáculo de autor baseado en textos do francés Jacques Prévert que traslada ao público que calquera día é bo para unha festa, aínda que túa nai non queira que saias da casa, por se te mollas, por se te lixas, por se alguén te leva, por se non atopas o camiño de volta...

En Xurdefet unha muller volve ao patio da súa casa e lembra un día de festa, que sendo nena descubriu que os animais tiñan preocupacións semellantes ás súas: non querían medrar nunha gaiola, nin que os insultasen, nin aburrirse, nin xogar sós.

O vindeiro domingo, 19 de febreiro, a sesión teatral para toda a familia correrá a cargo da compañía da Rioxa El Perro Azul e o seu Superheroe, un espectáculo de máscaras e marionetas no que un só actor dá vida a cinco personaxes diferentes.

Está recomendado para nenos a partir de 8 anos e a venda anticipada está xa dispoñible en Ataquilla e no número 902504500.