O campamento Miúdo Teatro baixa o pano coa representación de 'Romeo e Julieta'

Poio
30 de xuño 2026

Os participantes representaron unha adaptación desta obra de Shakespeare, poñendo en práctica todo o aprendido durante unha semana na que actuaron e asumiron os roles dunha compañía teatral

Campamento Miúdo Teatro Concello de Poio

Os participantes no campamento Miúdo Teatro subíronse este martes ao escenario do CC Xaime Illa, en Raxó, para mostrar ante as súas familias o traballo realizado durante a última semana.

A iniciativa, organizada polo Concello, achega os máis novos ao mundo da interpretación desde dentro participando en xogos de expresión corporal e dramatización, traballando a creatividade e a espontaneidade, e iniciándose na lectura e análise de guións.

Como punto e final á experiencia, os participantes representaron unha adaptación de 'Romeo e Julieta', de William Shakespeare, poñendo en práctica todo o aprendido durante uns días nos que actuaron e asumiron diferentes roles propios dunha compañía teatral.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asistiu á función e destacou que esta actividade "ofrece unha oportunidade única para que a mocidade explore o mundo do teatro desde dentro, asumindo diferentes roles e descubrindo o valor do traballo en equipo, a creatividade e a expresión artística".

Ademais, lembrou que o programa, que se celebra por segundo ano consecutivo, busca que os nenos e nenas coñezan de primeira man todo o que implica formar parte dunha compañía, coñecendo o funcionamento dos equipos artísticos e técnicos, e participando na creación da escenografía, o vestiario, a maquillaxe e o cartel da obra.