O campus de Pontevedra abre as inscricións para os seus obradoiros culturais e grupos artísticos

Pontevedra
24 de setembro 2025

Teatro, baile tradicional galego e música conforman unha programación que combina formación básica con agrupacións orientadas á actuación

Obradoiro de baile tradicional do campus
Obradoiro de baile tradicional do campus / DUVI - Universidade de Vigo

O campus pontevedrés da Universidade de Vigo reinicia a súa oferta cultural permanente coa apertura das inscricións para diversos obradoiros e grupos artísticos que se desenvolverán ao longo do curso académico.

A programación inclúe dúas modalidades diferenciadas: actividades formativas abertas ao público xeral e agrupacións especializadas que requiren proceso de selección e están orientadas á actuación en eventos.

Entre as propostas formativas destaca o obradoiro de baile tradicional galego "Como bailar nun serán", que imparte a mestra Montse Rivera. Con 40 prazas dispoñibles, a actividade desenvolverase do 2 de outubro ao 22 de xaneiro en colaboración co Concello de Pontevedra. A inscrición pode realizarse a través desta ligazón.

O obradoiro conta con grupos de iniciación e continuación, e ten como obxectivo achegar os principais ritmos da tradición galega para que os participantes poidan "participar de maneira activa e divertida nunha foliada". As tarifas oscilan entre os 26 euros para a comunidade universitaria e os 40 para a cidadanía xeral.

Pola súa banda, a Aula de Teatro, dirixida polo actor Salvador del Río, permanece aberta ata o 6 de outubro. Este taller de 40 horas na Facultade de Belas Artes aborda todas as fases do proceso teatral, desde a preparación corporal e vocal ata a montaxe dunha obra completa. As inscricións están abertas nesta ligazón.

Aula de Teatro Univesitario do campus
Aula de Teatro Univesitario do campusDUVI - Universidade de Vigo

GRUPOS DE ACTUACIÓN

As agrupacións orientadas á actuación ofrecen inscrición gratuíta pero requiren compromiso de participación en eventos. O Coro Polifónico do campus, baixo a dirección de María Luisa Sánchez, busca 25 voces para traballar nun repertorio que abrangue diferentes épocas e estilos musicais.

O Grupo de Música Tradicional, dirixido pola gaiteira Marina Fernández Vigo, e o Grupo de Baile Tradicional, a cargo de Montse Rivera, completan a oferta con dez prazas cada un.

Segundo explica o director da área cultural, Luis Torres, estas agrupacións pasarán por un proceso de selección mediante probas de habilidades para "garantir un nivel mínimo de calidade inicial".

A programación completarase nos próximos meses coa convocatoria do grupo de teatro do campus, que preparará unha montaxe para a Mostra Internacional de Teatro Universitario.

As inscricións para os grupos de actuación poden realizarse ata o 5 de outubro enviando un correo a [email protected].