O escritor Xosé Neira Vilas impartiu unha conferencia este xoves no Teatro Principal, ante un auditorio cheo de estudantes de centros de ensino secundario de Pontevedra.
As 434 prazas do Teatro Principal quedaron escasas para a grande cantidade de solicitudes de centros para asistir ao acto. Alumnado dos IES de Pontevedra: Valle Inclán, Luís Seoane, A Xunqueira 1, A Xunqueira 2, Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón. Outros centros, como o IES de Poio, non puideron asistir.
Xosé Neira Vilas é o persoeiro máis representativo e universal das letras galegas. Os rapaces tiveron unha oportunidade única de asistir á conferencia dun clásico da literatura. Neira Vilas falou sobre o proceso creativo da súa obra en xeral, con especial atención a Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida e máis traducida da historia da literatura galega.
Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces, o 3 de novembro de 1928, contoulle aos rapaces que a primeira vez que viu o mar foi en Pontevedra. "Vin a Pontevedra para recoller o pasaporte na Deputación porque tiña que emigrar a Arxentina. Viaxaba no trole entre Pontevedra e Marín, cando vin o mar por primeira vez. A min, que na miña vida só vira o río Ulla, aquilo pareceume un desparrame", expricou Neira Vilas.
Fillo de labregos, estudou xornalismo e traballou de contable. En xaneiro de 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocedades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas.
En 1961 marcha a Cuba coa súa dona. Logo de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para viviren en Gres onde dirixen a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e xornalístico.
Xosé Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o premio Celanova Casa dos Poetas, o Premio Laxeiro e o Premio Trasalba (2004), e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 1999.