A capital énchese de actividade arredor do galego con programación ata xuño

Pontevedra
12 de maio 2026
Actualizado: 16:33

Pontevedra mantén o compromiso coa dinamización do galego desde unha perspectiva festiva, comunitaria e interxeracional, facendo da lingua un espazo de encontro máis que de celebración

Presentación das actividades arredor da língua galega
Presentación das actividades arredor da língua galega / Sergio Guillermo Lourés Miranda

O Concello de Pontevedra volve poñer o galego no centro da vida cultural da cidade coa nova edición de "Maio, Mes da Lingua", un programa que se estenderá tamén durante xuño e que encherá rúas, centros educativos e parroquias de actividades arredor da lingua.

A presentación correu a cargo do edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, quen destacou o carácter aberto e colaborativo dunha proposta na que participan arredor dunha vintena de entidades locais.

Na rolda estiveron presentes representantes dalgunhas delas, como o CMUS Manuel Quiroga, a ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas de Salcedo e a Asociación A Pedreira, exemplos dun traballo conxunto que, segundo explicou, permite dar forma a unha programación moi ampla e viva.

Gómez puxo o foco especialmente na infancia e na mocidade, ao considerar que aí se xoga boa parte da transmisión do galego. Lamentou tamén que os datos amosen dificultades neste ámbito e reclamou un maior compromiso institucional para reforzar o uso da lingua entre as novas xeracións.

Neste sentido, lembrou algunhas das primeiras actividades do mes, como o encontro musical "Aquí canta a rapazada", no que participaron máis de 600 nenos e nenas, ou propostas educativas arredor da obra de Begoña Caamaño no IES Sánchez Cantón.

A ANPA do CEIP Cabanas organiza a 'Bolboretroula'
A ANPA do CEIP de Cabanas organiza a 'Bolboretroula'    Sergio Guillermo Lourés Miranda

A programación inclúe máis de vinte citas culturais, educativas e de lecer pensadas para todas as idades.

O programa Apego terá un papel destacado con contacontos, obradoiros, concertos, xogos tradicionais, teatro ou ioga en familia, ademais de actividades específicas para crianzas de 0 a 6 anos.

Nas vindeiras semanas destacan tamén iniciativas como o Correlingua, a peza teatral "Vertixe" de Teatro con Lingua na Casa Verde de Salcedo, a gala "Ben Veñas, Maio" no Pazo da Cultura ou a entrega dos premios de relato curto da FAMPA e dos galardóns Mil Primaveras.

A música terá tamén un protagonismo especial co "Concerto a 3 bandas", impulsado polo CMUS Manuel Quiroga. O seu vicedirector, José Pérez, explicou que a proposta busca achegar a música de banda con repertorio ligado a compositores galegos e pezas que dialogan coa lingua.

O concerto reunirá arredor de 200 alumnos e alumnas xunto cun coro de 50 voces e contará coa participación da banda de Tenorio, nun encontro que pechará coas tres formacións interpretando obra de Reveriano Soutullo.

Pola súa banda, desde a ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas, o seu presidente, Ramón González Varela, explicou que o "Bolboretroula" naceu como unha iniciativa máis pequena e que agora se abre a todas as familias.

Será o sábado 16 no Parque de Cabanas e incluirá música, contos, obradoiros, teatro e xogos tradicionais, ademais dunha homenaxe a Begoña Caamaño con actividades creadas polo propio alumnado.

Tamén a Asociación A Pedreira converterá o sábado nunha gran festa arredor da lingua coa súa "Festa da Lingua". Roi e Ana Vidal explicaron que o centro social traballa de forma continuada coa infancia a través de iniciativas en galego e que esta cita é a máis importante do ano. Haberá concertos infantís, xogos, ruadas, pandereteiras, unha manifestación festiva pola cidade con saída da Praza da Peregrina e mesmo unha solta de libros, ademais dunha foliada final para pechar a xornada.

Roi e Ana Vidal da Aociación A Pedreira
Roi e Ana Vidal da Aociación A Pedreira    Sergio Guillermo Lourés Miranda

 

Arquivado en