Desde que protagonizou La maternal, Carla Quílez (Barcelona, 2008) non parou de traballar. Tiña entón 13 anos. Gañar a Cuncha de Prata a mellor actriz no Festival de San Sebastián catapultou unha carreira que, até entón, non se plantexara.
Con esa película, recoñece nesta entrevista con PontevedraViva, "descubrín un mundo no que nunca pensei estar e que me trouxo cousas preciosas". Entre outras, as dúas series que protagonizou este ano, Pubertat e Yakarta.
Polo seu traballo nesta última, candidata aos Premios Feroz como mellor actriz de reparto, estivo en Pontevedra, onde acompañada dun dos creadores da serie, Fernando Delgado-Hierro, participou nun coloquio co público.
Estiveras algunha vez en Pontevedra? Tiveches tempo de visitala?
A verdade é que non. Nunca estivera por aquí. Puiden visitala un pouco e foi bastante bonito. Está todo moi decorado de nadal. Encántame. Pero si, é a primeira vez que piso Pontevedra e espero que non sexa a última.
Apenas 17 anos e, tras debutar con La maternal, agora protagonizas dúas das series do momento, Pubertat e Yakarta. Como afrontas todo isto?
Pois con moitísima ilusión. Cando debutei con La maternal descubrín un mundo no que nunca pensara estar e que me trouxo cousas preciosas. Este foi un ano bastante duro porque non parei de traballar, pero goceino moito.
Estou súper contenta e súper orgullosa de Pubertat e Yakarta e, sobre todo, porque estiven moi ben rodeada. Acompañáronme moito. Non só a miña familia e os meus amigos. Nos dous proxectos estiven apoiada por xente realmente marabillosa.
Coidouche moito o equipo de Yakarta?
Moitísimo. Eramos realmente unha familia. Pasámolo moi ben. E iso que é unha serie bastante dura. Aos personaxes non lles quixeron moito na vida. Tiñamos que porlle un pouco de luz a toda esa escuridade e creo que o conseguimos.

Cambiou moito a túa vida neste tres últimos anos?
Home, bastante. Antes, a miña rutina normal era levantarme e ir ao colexio e, despois, a baile. Todo iso rompeu. Estiven trimestres nos que non puiden ir a clase, aínda que obviamente seguía estudando. Tiven que esforzarme moito.
Ás veces tes que anular plans con familia ou amigos porque xorden entrevistas ou proxectos. Pero me compensa. Viaxei moito estes tres anos e esta profesión está a darme cousas moi bonitas. Estou moi contenta.
Comezaches na danza, en que momento entrouche a ilusión de ser actriz?
Entrou soa. A min atopáronme para La maternal por un reel en Instagram. Subía vídeos de baile, que era o que máis me gustaba facer. O casting era preto da miña casa e fun probar. Eu tiña 13 anos. Cheguei a pensar, onde me estou metendo. Pero moita xente apoioume e acabáronme dando o papel.
E como chega a ti Mar, o teu personaxe en Yakarta?
Ten unha historia bastante longa. Empezou sendo un casting moi aberto. Non buscaban ningún perfil concreto. Fíxeno e como non recibín nada, pensei que me rexeitaran. Decateime que non en pleno Festival de Málaga.
Citáronme xa presencialmente con Javier Cámara e coa directora de casting e fomos á última proba. Eramos tres mozas. Fixemos a proba física do bádminton a ver a quen se lle daba mellor. E elixíronme a min. Así foi todo o proceso.
Creo que aprendiches a xogar ao bádminton para este papel. Foi complicado?
É un deporte que non fixera nunca. O típico en educación física que che dan a raqueta e o volante e dinche, a ver cantas veces lle dás. Foron tres meses en Barcelona practicando cun adestrador. Tres días á semana.
Foi bastante intenso. Había veces que chegaba a casa coas pernas tremendo, non podía subir nin as escaleiras. Foi bastante duro pero si que é verdade que me gustou moito aprender este deporte e que o pasei bastante ben.

Mar é unha moza que está perdida na vida. Como moitos adolescentes, non?
É unha moza que non está cómoda coa situación que ten en casa. E atopa no bádminton algo que lle serve como a súa válvula de escape. O que a fai diferente é que non ten medo. Non ten máis nada que perder na súa vida.
É unha persoa bastante reservada e que non está afeita a confiar nos adultos. Pero con Joserra (Javier Cámara) pasa algo diferente. Son dous personaxes bastante raros. Non cadran para nada. Pero acaban tendo unha relación moi bonita.
Que hai de Carla en Mar ou viceversa? En que vos parecedes?
Máis que do personaxe, da historia. Estamos a falar de dous perdedores que saben que por moito que fagan, nunca van chegar a nada na vida. E creo que iso é algo moi bonito. Ás veces porse no papel do perdedor é algo que á xente lle custa.
Pero claro que hai cousas que se che quedan dentro. Por exemplo, nunca digas que non a algo que, se cadra, logo acaba sendo moi bonito. Ás veces hai que confiar. Insistir no que che gusta. O único límite que nos podemos pór somos nós mesmos.
Como foi para ti traballar con Javier Cámara?
Foi unha aprendizaxe incrible, desde o primeiro momento que estiven con el. Estaba entregadísimo a coñecerme e axudarme a saber como ían ser os nosos personaxes. Sempre me inculcou que estabamos nun lugar seguro. Foi precioso.
Estou moi orgullosa de poder estar con el neste proxecto. Admíroo como actor e tamén como persoa. Por moito que teña o peor día da súa vida, entra a rodaxe e o único que desprende é luz. Creo que iso moi pouca xente o consegue.
Os teus personaxes, até agora, tiveron unha gran carga dramática. Gustaríache cambiar de rexistro? Unha comedia, talvez…
Non me pecho portas porque, igual que aprendín desde a nada, tamén podo explorar cousas novas que me poden levar a ter outras experiencias. Se se me dá mal, pois xa está, non pasa nada. Cada un ten os seus puntos fortes e os seus puntos débiles.
Pero si é verdade que no drama síntome moi cómoda. Gústame moito. Non só hai que interpretar un papel e sacar adiante un proxecto, senón que tamén falar e visibilizar temas sociais dos que hoxe en día non se fala tanto.

Cres que aos adolescentes fáltanlles referentes ou hai temas dos que os adultos non falan con eles?
Mira, cando fixen La maternal foi un boom. Había rapazas que foran nais adolescentes e dábanme as grazas. Con Pubertat tamén me chegaron comentarios preciosos. Creo que eses personaxes chegan á xente.
Estou moi orgullosa de ser a cara visible deses problemas e axudar a que se visibilicen. Iso dáche ganas de seguir explicando diferentes historias e seguirse meténdote no papel de moita xente. Que se sentan representados.
A min cada proxecto que fago tamén me vai ensinando e inculcando cousas que me axudan a pensar ou saber como enfocar a miña vida. Poñerte no papel de todas estas vivencias creo que che fai madurar moitísimo como persoa.
Cumpres 18 anos en febreiro… un Premio Feroz sería un bo agasallo?
Sempre é un agasallo incrible que alguén recoñeza o teu traballo, que o apoie. Iso para o actor é súper satisfactorio. Aínda que sexa unha alegría instantánea e logo teñas que seguir coa túa rutina. Pero é verdade que sería un soño.
Xa o feito de estar nomeada para min é un agasallo. Esa noite na mesa de Yakarta non sei se teremos a sorte de levar algún premio, pero si que estou segura de que nolo pasaremos incrible e será unha noite que imos gozar moitísimo.
Que lle pides ao futuro?
É que tiven moita sorte. Non me podo queixar de nada. Non sei que máis pode pedir unha nena de 17 anos que está a empezar neste mundo. Descubrín a miña vocación e espero que o siga sendo moitos anos máis.