Carmelo Gómez reivindica no Pazo o universo musical e poético de Federico García Lorca

Pontevedra
14 de novembro 2021

O actor leonés co acompañamento ao piano de Mikhail Studyonov presentou en Pontevedra o espectáculo 'A vueltas con Lorca', dirixido por Emi Ekai. A montaxe, pertencente ao ciclo Ponteatro, ofrece unha selección de versos e de fragmentos da vida do poeta de Granada en relación con outros autores como Pablo Neruda ou Machado

Representación de 'A vueltas con Lorca' no Pazo da Cultura Cristina Saiz

O Auditorio do Pazo da Cultura acollía este sábado unha nova función do ciclo Ponteatro. O coñecido actor leonés Carmelo Gómez presentaba a montaxe 'A vueltas con Lorca', unha festa poética na que o intérprete ofrecía versos e fragmentos da vida do poeta granadino, acompañado ao piano no escenario por Mikhail Studyonov.

Esta montaxe, dirixido por Emi Ekai, mostra elementos sobre a soidade, a alegría, o amor e a morte desde a perspectiva de Federico García Lorca, combinando a súa vida e a literatura, con referencias a outros autores como Antonio Machado, Lope de Vega ou Pablo Neruda.

O vindeiro sábado 20 de novembro, o Pazo da Cultura volverá acoller outra función de Ponteatro. Nesta ocasión será a montaxe 'O charco de  Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso para o Centro Dramático Galego. Trátase dunha versión libre da Odisea de Homero, trasladando a trama de  Itaca a Galicia co Atlántico como principal protagonista.

As entradas xa se poden adquirir en Ataquilla.