Carril prepárase para unha fin de semana de troula coa celebración dunha nova edición do Ameixa Rock o 6 e 7 de setembro.
O festival arrancará o sábado ás 19:30 horas coa actuación de Colectivo Bello Verano que abrirá o festival facendo unha pinchada de temas dos 60, 70 e 80 para quentar motores.
A continuación, Noite Fechada (20:30 horas) unha banda cargada de sarcasmo e bo humor que celebra a súa volta aos escenarios; xa sobre as 22:00 horas será a quenda de A banda do Elías, que fai unha homenaxe a Los Suaves con músicos experimentados que levan anos enriba dos escenarios, así que o éxito está asegurado.
O prato forte será a actuación de Bala ás 23:30 horas. Trátase dun dúo galego de moito renome, formado por guitarra e batería co que a xente desfrutará moito.
Pechará a primeira xornada La Duendeneta, a partir das 01:30 horas.
O domingo, o día comeza cunha sesión vermú ás 13:30 horas co guitarrista Suso Aboy na praza da Liberdade. Pola tarde, ás 18:00 horas volverá a pinchar Colectivo Bello Verano. O propio día, en función do tempo, a organización decidirá se é na praza ou na praia da Covacha, como o ano pasado.
O Ameixa Rock conta cun crowfunding a través de Verkami para quen estea interesado en facer unha doación e colaborar coa organización do festival. Ademais, contan con merchandising á venda a través da súa web e tamén terán un posto no Carril.
VISITAS A CORTEGADA
Este ano, como novidade, faranse tres visitas guiadas a Cortegada en lugar de unha, debido á gran acollida da actividade. Serán o sábado ás 11:30 horas e ás 16:30, e o domingo ás 16:30 horas.
Para participar hai que facer a inscrición previa no 625 80 79 23 ou por e-mail: [email protected]. O prezo é de 10 euros e os menores de tres anos, gratis. As prazas están limitadas a unhas 50 por viaxe.
Corticata recomenda levar calzado cómodo, crema solar, auga e piden a máxima responsabilidade para recoller todo o lixo que se xere coa visita.