CeibaRimas celebrará en Pontevedra os seus cinco anos de freestyle e rap en galego

Pontevedra
09 de outubro 2025

A competición, aberta a todo o público e con inscrición gratuíta, repartirá máis de 1.000 euros en premios. Haberá, ademais, música en directo con Hugo Guezeta e Nadie González, entre outros

Participantes no certame Ceibarimas Ceibarimas

A Alameda de Pontevedra acollerá o próximo 18 de outubro a celebración do quinto aniversario do CeibaRimas, o único proxecto de rap improvisado en galego.

A competición, aberta a todo o público e con inscrición gratuíta, repartirá máis de 1.000 euros en premios. Comezará ás seis da tarde.

Haberá, ademais, música en directo para facer da cita unha auténtica velada cultural.

Así, actuarán artistas consagrados como Hugo Guezeta e Nadie González.

A eles sumaranse artistas emerxentes con concertos breves de Pappaquino, Queen Rendi, Misoskatos, Os Fortes e Area Rosae, así como a DJ Nu.Eva.

Todos eles achegan frescura e novas propostas á escena do rap en galego.

O xurado do certame, xunto con Hugo Guezeta e Nadie González, estará formado por High Paw, Alba María e Frank Huxley.

Este quinto aniversario do CeibaRimas contará con servizo de barra, carpa en caso de choiva e todo o necesario para gozar dunha tarde de cultura urbana en lingua galega.

Como novidade, esta edición poderá verse días despois na plataforma Agalega.gal da TVG.

Todo este esforzo organizativo está pensando para reforzar o obxectivo deste evento, o de demostrar "que o freestyle en galego existe" e está a medrar con forza no país.