Cerdedo-Cotobade pide que Antón Fraguas sexa homenaxeado nas Letras Galegas 2019

Cerdedo Cotobade
30 de maio 2018

O Concello pretende que a homenaxe coincida co vixésimo aniversario do seu pasamento e que os actos centrais sexan en Cerdedo-Cotobade

Busto de Antón Fraguas
Busto de Antón Fraguas

Os dous grupos políticos con representación no Concello de Cerdedo-Cotobade, PP e PSdeG-PSOE, acordaron por unanimidade a solicitude da concesión das Letras Galegas 2019 ao escritor, historiador, etnógrafo e expresidente do Museo do Pobo Galego Antón Fraguas Fraguas

A petición oficial das Letras Galegas para Antón Fraguas quedará aprobada definitivamente este xoves 31 de maio durante a sesión da corporación municipal e, tras a adopción deste acordo, remitirase unha carta informativa á Real Academia Galega (RAG) para que teña en conta esta solicitude no plenario que abordará a elección da figura protagonista do vindeiro ano.

A moción consensuada por goberno e oposición conta con catro acordos: a solicitude das Letras Galegas 2019 a Antón Fraguas por ser unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX; o compromiso do Concello ante a RAG e demais institucións para prestar a máxima colaboración na organización e desenvolvemento de todas as actividades de homenaxe a Fraguas; o apoio a calquera actividade de lembranza e posta en valor fóra das Letras Galegas; e a solicitude de concesión desta distinción a perpetuidade en caso de que non lle foran outorgadas as Letras Galegas 2019.

Todos os grupos municipais de Cerdedo-Cotobade cren que Antonio Fraguas, fillo predilecto do municipio, "ten méritos sobrados e unha traxectoria que o fai merecente de recibir a máxima distinción das nosas letras".

A solicitude insiste en que "a inxente traxectoria persoal, cultural e intelectual de Fraguas debe ser recompensada coa concesión das Letras Galegas" e, ademais, avogan porque sexa no ano 2019, xa que coincidiría co vixésimo aniversario do seu falecemento e outorgaría maior importancia e visibilidade ao seu legado.

A solicitude complétase coa demanda de que o epicentro das Letras Galegas, en caso de que se concedan a Fraguas, sexa en Cerdedo-Cotobade "por tratarse do seu lugar de nacemento e de onde se sentía, do sitio ao que lle profesou máis cariño e ao que adicou gran parte da súa obra e que forxou de xeito fundamental a súa personalidade para acadar a súa magnífica traxectoria cultural".