O Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra inaugura o ano a ritmo de marcha

Pontevedra
19 de febreiro 2025
Actualizado: 16:47

O Teatro Principal será o principal escenario da programación, con 5 propostas entre febreiro e maio. En colaboración co Salón do Libro, o 16 de marzo haberá un concerto ‘Contos de película’

Presentación do Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra Concello de Pontevedra

O ano musical da Banda de Música de Pontevedra abrirase este sábado 22 de febreiro no Teatro Principal co primeiro concerto do Ciclo de Butaca. 

Nesta ocasión, será ás 20 horas no Teatro Principal, que tamén será o principal escenario da programación.

As actuacións terán entrada libre ata completar cabida e incluirán diferentes xéneros como a ópera, a música procesional ou música de bandas, un total de cinco actuacións entre os meses de febreiro e maio.

O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou este mércores a programación acompañado do presidente da Banda de Música de Pontevedra, Víctor Manuel López, e o subdirector da mesma, Nicolás Leiro.

Nesta ocasión, o director titular será Rafael Agulló Albors e Víctor López anunciou que abrirá o ciclo a ritmo de marcha, unha antoloxía dunha das formas musicais máis importantes de todos os tempos. "Poderemos escoitar entre outras, marchas da ópera Aída de Verdi, a Marcha Eslava de Tchaikovsky, ou a marcha da suite de variedades de Shostakovich", indicou.

A programación tamén terá unha colaboración co Salón do Libro. Será o 16 de marzo con ‘Contos de película’, un concerto para toda a familia coas bandas sonoras orixinais de diferentes películas de animación baseadas en contos como A Sereiña, A bela e a besta ou Harry Potter.

Outra das citas será o 30 de marzo con ‘Música procesional’, un percorrido polas marchas procesionais de todos os tempos, desde as clásicas de Ricardo Dourado ou Mariano San Miguel ata as máis vanguardistas de Óscar Navarro ou José Vélez. 

A cuarta cita será o 26 de abril con ‘Folklores en clave de banda’, un concerto con pezas dos grandes compositores de música de banda dos últimos anos como Franco Cesarini ou Van der Rost.

O ciclo rematará o 30 de maio cun concerto sinfónico con algún dos momentos máis fermosos da lírica de autores como Kórsakov, Bizet ou Puccini.

Demetrio Gómez pon este ciclo como "un exemplo absolutamente representativo" do sector da cultura en Pontevedra e da súa calidade e sinala que para o Concello é un "orgullo" colaborar coa BMP para que se poidan desenvolver este tipo de programacións. O obxectivo é "que todas as pontevedresas e pontevedreses poidan disfrutar de música de moitísima calidade feita en Pontevedra".

Esta será a programación:

  • Sábado 22 de febreiro ás 20 horas, no Teatro Principal, ‘En marcha!’.
  • Domingo 16 de marzo ás 12 horas, no Teatro Principal, ‘Contos de película’, dentro do programa do Salón do Libro é coa colaboración do director convidado Pedro Villarroel.
  • Domingo 30 de marzo ás 17 horas, na Igrexa de San Francisco, ‘Música procesional. Concerto Sinfónico.’
  • Sábado 26 de abril ás 20 horas, no Teatro Principal, ‘Folklores. En clave de banda’.
  • Sábado 31 de maio ás 20 horas, no Teatro Principal, ‘De viaxe coa ópera’