O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu este xoves a presentación da cuarta edición do circuíto de cinema galego Ciclo Mestre Mateo.
Os concellos de Marín, Mondariz, Salvaterra do Miño e Vilanova de Arousa proxectarán as producións finalistas nas categorías de longametraxe e documental dos XXIII Premios Mestre Mateo.
Participaron neste acto o deputado de Cultura, Jorge Cubela, e o vogal da Academia Galega do Audiovisual, Milo Baños, presentaron as novidades desta edición xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia; a concelleira de Salvaterra do Miño, Lorena Soto Domínguez, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida.

Jorge Cubela explicou que "é unha proposta cultural que vai da man dos concellos para chegar a esa descentralización que queremos conseguir" desde a provincia de Pontevedra.
Segundo sinalou Milo Baños a desaparición dunha sala de cinema "sempre é unha traxedia" e o ciclo contribúe a "reverter este proceso" achegando o cinema en pantalla grande a núcleos que non contaban con ela.
Un dos obxectivos principais é facilitar ás persoas o acceso a un cinema galego "actual e de calidade" e moi especialmente a aqueles que non contan cunha oferta de cinema comercial nas súas vilas.

Os representantes dos concellos agradeceron a oportunidade e a posta en marcha desta iniciativa, que en catro anos pasou por 14 concellos da provincia, proxectou 24 películas en 109 sesións e chegou a máis de 4.000 espectadores.
Este ano forman parte do Ciclo Mestre Mateo as longametraxes As Neves, de Sonia Méndez; Xustiza artificial, de Simón Casal; Honeymoon, de Enrique Otero; + Cuñados, de Luis Avilés; e os documentais Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina e Prefiro condenarme de Margarita Ledo.
