O Cineclub Marín, impulsado pola Asociación Marín de Cine, celebrará os días 18 e 19 de xuño un novo ciclo dedicado ao director vigués Álvaro Gago, centrado no universo cinematográfico de Matria e na construción das personaxes femininas na súa filmografía.
A actividade dará continuidade á liña iniciada o pasado mes de maio co ciclo dedicado a Chano Piñeiro, no que o Cineclub Marín botou a andar cunha proposta aberta ao público marinense baseada na proxección, análise e coloquio arredor do cinema galego.
Nesta ocasión, o foco estará posto nun dos autores máis destacados do chamado novo cinema galego.
Gago é autor de obras como a curtametraxe e a longametraxe Matria, nas que as personaxes protagonistas reflicten unha imaxe máis próxima á realidade das mulleres traballadoras que soportan a carga emocional e laboral na sociedade galega.
O ciclo contará coa presenza do propio Álvaro Gago durante a xornada do xoves 18 de xuño, onde se desenvolverá unha charla-coloquio aberta ao público.

A programación estruturarase arredor da proxección de Matria e da revisión da curtametraxe homónima que deu orixe ao proxecto, permitindo ao público analizar o diálogo existente entre ambas obras e comprender a súa evolución cinematográfica.
A actividade será de balde e aberta ao público ata completar aforo.
Marín de Cine traballa nestes momentos co Concello de Marín para concretar as localizacións definitivas do ciclo e negocia que, polo menos unha das dúas xornadas, poida celebrarse no novo auditorio municipal de Marín.
O ciclo dedicado a Álvaro Gago será ademais a última actividade do Cineclub Marín antes da pausa estival. A programación regular retomará a súa actividade no mes de outubro, unha vez rematado o período de verán.