Cinco filmes para un Amal en Ruta que reivindica o orgullo, o legado e a cultura árabe

Pontevedra
27 de agosto 2022

Con Amal en Ruta, Pontevedra dará a benvida a un novo semestre cultural. O Teatro Principal reabrirá as súas portas para acoller, entre os días 5 e 9 de setembro, a sétima edición desta Mostra de Cinema Euroárabe, cuxa programación incluirá cinco filmes

Fotograma da película "O retorno: A vida despois do ISIS"
Fotograma da película "O retorno: A vida despois do ISIS" / PontevedraViva

Con Amal en Ruta, Pontevedra dará a benvida a un novo semestre cultural. O Teatro Principal reabrirá as súas portas para acoller, entre os días 5 e 9 de setembro, a sétima edición desta Mostra de Cinema Euroárabe, cuxa programación incluirá cinco filmes.

O ciclo comezará o luns 5 coa película documental Gods of Molenbeek, da directora finlandesa Reetta Huhtanen. Está ambientada nun distrito de Bruxelas, que ten fama de ser un dos epicentros do yihadismo europeo e no que se produce un atentado terrorista.

200 metros será a película que se proxectará o martes 6. O realizador palestino Ameen Nayfeh narra a historia dun pai que, tras saber que o seu fillo está no hospital, debe buscar a forma de sortear cruzar o muro israelí que separa as dúas localidades nas que se atopan.

Outro documental, O retorno: A vida despois do ISIS, da catalá Alba Sotorra, poderase ver o mércores 7. É a historia de dous adolescentes que, despois de abandonar os seus países para unirse ao Estado Islámico e arrepentirse, tratan de pasar páxina e refacer as súas vidas.

O xoves 8 será a quenda de Gaza Mon Amour, dirixida polos xemelgos Tarzan e Arab Nasser, nacidos na propia Gaza. A película mostra a relación que establecen un mariñeiro de sesenta anos e unha muller que traballa no mercado coa súa filla.

Amal en Ruta chegará á súa fin o venres 9 con Os informes sobre Sarah e Saleem, unha longametraxe de ficción do cineasta palestino Muayad Alayan sobre a relación entre unha muller israelí e un home palestino, ambos os casados, que ao facerse pública ponlles no punto de mira de Israel.

Todas as proxeccións serán ás 21:00 horas no Teatro Principal. A entrada é gratuíta ata completar aforo.