'Cine dende os corpos' con Anxos Fazáns, a proposta formativa de Novos Cinemas

Pontevedra
09 de outubro 2025

O obradoiro permite ao alumnado experimentar con pezas de ficción e non ficción, tanto en clave individual como colectiva, que se presentarán en decembro na décima edición do festival Novos Cinemas

Anxos Fazáns, no taller de Novos Cinemas Universidade de Vigo

Once estudantes das facultades de Belas Artes e Comunicación do campus universitario de Pontevedra están a desenvolver as súas primeiras curtametraxes no marco do obradoiro “Cine dende os corpos”, dirixido pola cineasta pontevedresa Anxos Fazáns.

Este taller, promovido por Novos Cinemas en colaboración coa Universidade de Vigo, comezou hai dez días e continuará ata o 9 de decembro.

"Cine dende os corpos" propón explorar o compoñente físico do cinema como punto de partida creativo, idea central no traballo de Fazáns (A estación violenta, As liñas descontinuas).

O obradoiro permite ao alumnado experimentar con pezas de ficción e non ficción, tanto en clave individual como colectiva, que se presentarán na décima edición do festival, prevista para o próximo mes de decembro.

Tristán Rodríguez Decabo, Gema Rodríguez Pérez, José García Estévez, Sara Ricoy Rajoy, Sofía Melón Lazarte, Elías González Docampo, Ángel Cea Otero, Gema Vergara Míguez, Susana Llorente Sanz, Andrés Álvarez Rodríguez e Ana Rodríguez Diz son os participantes no taller.

Participantes no taller de Novos Cinemas con Anxos FazánsUniversidade de Vigo

"O punto de partida é cine desde os corpos, pero nun sentido moi amplo. Non quere dicir que os corpos teñan que estar explicitamente en pantalla", sinala a directora pontevedresa, que busca reflectir con esta idea o seu interese "por cando o inconsciente gaña a partida nos procesos de creación".

Nese senso, co título deste obradoiro Fazáns buscaba reflectir a súa forma de traballar como cineasta. "Sempre sinto que tomo as decisións dende o corpo. É unha maneira de estar presente e de relacionarte coas cousas que filmas ou que pensas filmar", explica a realizadora.

A idea é acompañar o proceso creativo do alumnado, engade, "partindo destas ideas sobre o compoñente físico do cinema, pero dando total liberdade para a creación".

De feito, unhas das cuestións nas que busca pór o foco, explica, é nesa fase de "pensar o proxecto" e de deixar tempo "para procesar e darlle forma ás ideas", facendo aflorar así esa "parte máis intuitiva" do cinema.

Na primeira sesión, celebrada na Facultade de Comunicación, o alumnado recibiu a benvida da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e do codirector artístico de Novos Cinemas, Suso Novás, quen salientaron o valor formativo e profesional desta experiencia.

Esta iniciativa insírese no programa formativo Aula do festival Novos Cinemas, que en anteriores edicións xa trouxo a Pontevedra a cineastas como Oliver Laxe, Jaione Camborda, Lois Patiño ou Álvaro Gago.

Con esta iniciativa, Novos Cinemas fortalece a súa colaboración coa Universidade de Vigo e aposta por converter o campus pontevedrés nun espazo clave para a creación audiovisual e o diálogo entre novas xeracións de cineastas e o público.

O festival busca así tender pontes entre a formación académica e a práctica cinematográfica, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de crear e compartir as súas primeiras obras nunha contorna profesional.