Composición clásica, jazz, flamenco e música electrónica nun novo ciclo de Híbridas co piano como protagonista

Pontevedra
04 de maio 2022

Catro concertos, catro xornadas musicais na antiga igrexa de Santa Clara convertida en epicentro cultural nas últimas semanas, que serán celebrados entre o 5 e o 8 de maio

Goretti Domínguez e o seu alumnado Concello de Pontevedra

O programa creado polo Concello de Pontevedra "Híbridas en Santa Clara" elevará o piano como o gran protagonista dos vindeiros días dentro deste espazo.

O ciclo 'Pianos' camiñará entre a composición clásica, o jazz, o flamenco ou a música electrónica a través de artistas con visións e técnicas moi diferentes a hora de executar música a través das teclas dos seus instrumentos.

O xoves, 5 de maio, Goretti Domínguez e o seu alumnado, estudantes do Conservatorio Mayeusis de Pontevedra, representarán un repertorio significativo de música clásica para piano, que vai desde o Barroco até o século XX. A mestra Goretti realizou o último ano dos seus estudos superiores na Academy of Performing Arts de Praga (República Checa) e estudos de posgrao en Haute École de Musique de Genève (Suíza). Tamén posúe un Máster en Interpretación polo Maastricht Conservatorium (Holanda). No seu currículo tamén aparecen participacións en festivais de renome internacional, en proxectos con orquestras de diferentes partes do mundo, amais de colaboracións con diversas bandas de música e compañías operísticas.

O venres, 6 de maio, Chano Domínguez ofrecerá a maxia dos seus directos para todas as persoas que concorran en Santa Clara. Pianista de renome internacional, Domínguez leva máis de 40 anos de carreira, cunha forte influencia do flamenco na súa integración co jazz, unha ollada que lle valeu a oportunidade de colaborar con artistas como Paco de Lucía, Enrique Morente, Chucho Valdés ou Martirio.

O sábado, 7 de maio, Isabel Pérez Dobarro realizará un concerto no que aposta polas músicas clásicas internacionais pero tamén pola música tradicional do país. Pérez é unha das pianistas españolas con máis proxección internacional da súa xeración, comprometida coa visibilización da música de grandes compositoras.

Baixo o nome de Koun(t)terpoint, o domingo 8 de maio chegará a última cita do ciclo 'Pianos'. Detrás deste espectáculo aparecen María Domínguez e Laura Iturralde, unha aposta pola electrónica e a instalación lumínica onde os sons acústicos tradicionais do piano son mesturados dun xeito orgánico coa sonoridade experimental e vangardista da música electrónica. Unha aposta total pola dramaturxia visual e sonora, que logrará recrear unha experiencia poética, intimista e inmersiva. Laura Iturralde foi a artista encargada da escenografía das Tanxugueiras no Benidorm Fest.

Todos os concertos deste ciclo comezarán ás 20 horas, son de balde e non precisan de reserva de entrada de ningún tipo, como todas as citas consumadas en Híbridas.

Cómpre lembrar, que alén deste ciclo, o domingo 8 de maio tamén continúa a serie 'Mesturas', co Dúo Boulanger. A parella formada por Raquel Areal (violín) e Karla Martínez (piano).. O comezo do seu espectáculo está previsto para as 12.30 horas.