O Festival de Corais de Barro alcanza a súa madurez consolidándose como un dos eventos musicais de referencia da comarca. Este sábado 21 de xuño, o Pazo da Crega acollerá a vixésimo primeira edición dun encontro que reúne a catro destacadas formacións corais galegas.
A partir das 20:30 horas, o público poderá gozar das actuacións da Coral Polifónica de Caldas de Reis, a Coral A Barcarola de Pontecesures, a Coral Voces Fornelenses de Fornelos de Montes e a anfitrioa, a Coral Polifónica de Barro, organizadora do evento.
Segundo fontes municipais, espérase unha asistencia de arredor de 200 persoas, o que suporá un cheo completo do histórico Pazo da Crega, marco incomparable para este tipo de eventos artísticos.
"O traballo constante e desinteresado da Coral Polifónica de Barro non só mantén viva a tradición musical, senón que demostra ano tras ano unha gran capacidade organizativa, ofrecendo á veciñanza actividades culturais de calidade", destaca Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro.
O rexedor anima á cidadanía a asistir ao evento "para desfrutar da música, apoiar o talento local, e seguir fortalecendo a vida cultural do noso concello".
O festival transcende a súa dimensión puramente artística para converterse nun punto de encontro e convivencia entre agrupacións de diferentes localidades, fomentando así o intercambio cultural e o fortalecemento das redes musicais da provincia.
Esta nova edición conta co apoio institucional do Concello de Barro, a Deputación de Pontevedra, o programa CulturaE e as Xuntas de Montes de Barro.