O Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga e a concellería de Cultura de Pontevedra presentaron este venres unha nova edición do ciclo "CMQ no Principal".
Esta iniciativa, que xa cumpre a súa terceira xeira tras a pandemia, volverá converter o Teatro Principal no escenario onde o alumnado do centro amosará o seu talento e o traballo desenvolvido nas aulas nunha programación aberta e gratuíta para toda a cidadanía.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, salientou a "historia de máis dun século" dunha institución que é referente na calidade do ensino musical.
"Queremos convidar á veciñanza a que se achegue á música clásica dun xeito ameno e perda o medo a descubrir sonoridades que non escoitamos todos os días", apuntou o edil, subliñando que o nivel dos músicos locais "non desmerece en absoluto" calquera outra programación profesional.
A programación estrutúrase en catro mércores, sempre a partir das 20:00 horas, cada un dedicado a unha modalidade interpretativa diferente:
-
28 de xaneiro: Música de cámara. A estrea do ciclo contará con arredor de 25 alumnos e alumnas divididos en formacións variadas, como cuartetos de tubas e clarinetes, tríos de metais e madeira, e diversas obras para piano a catro mans.
-
25 de febreiro: Solistas. Unha sesión de aproximadamente unha hora de duración na que participarán polo menos doce solistas de distintas especialidades profesionais.
-
18 de marzo: Agrupacións. Será a cita máis multitudinaria, con máis de 100 estudantes sobre as táboas ao participar as grandes formacións do conservatorio e os coros.
-
16 de abril: Sorpresas musicais. Un peche de ciclo en formato "collage" que promete propostas innovadoras e unha alta implicación do alumnado.
Para os responsables do conservatorio, este ciclo é unha peza fundamental do seu proxecto educativo. O vicedirector do centro, José Pérez, destacou que o obxectivo é "achegar a actividade musical á vila" fóra dos muros do propio auditorio do conservatorio.
Pola súa banda, o profesor e xefe do departamento de Música de Cámara, David López, fixo fincapé na importancia de que o traballo dos case 600 alumnos do centro "se vexa reflectido nun auditorio de verdade".
A perspectiva do alumnado foi defendida por Lucía Castiñeiras (clarinete) e José Francisco Martínez (tuba).
Para os mozos intérpretes, do grao elemental, que comezan a tocar nestes ciclos desde os 12 ou 13 anos, actuar no Teatro Principal supón un reto. "É unha experiencia que nos permite adaptarnos a outras acústicas e non tocar sempre diante das mesmas persoas, o que é clave para avanzar na nosa carreira", explicaron.
A entrada para todos os concertos será de balde ata completar a capacidade do teatro.