Corea do Sur acollerá a estrea mundial da película "As altas presións" de Ángel Santos

Pontevedra
08 de setembro 2014

Logo do seu paso por Corea, onde fará a súa première mundial no BIFF, o Festival internacional de cine de Busana>, que se celebrará do 2 ao 11 de outubro, As altas presións preparará a súa presenza en varios festivais internacionales e prevé a súa estrea en España na primavera do 2015

Fotograma de "As altas presións", a segunda largometraxe do pontevedrés Ángel Santos

A segunda longametraxe do director pontevedrés Ángel Santos, As altas presións, fará a súa première mundial no BIFF, o Festival internacional de cine de Busan (Corea do Sur), que se celebrará do 2 ao 11 de outubro. Competirá na sección Flash Forward, dedicada a cine novo non asiático. Será, xunto coa película Magical Girl de Carlos Vermut, a única presenza española no certame. 

Na súa décimo novena edición, o prestixioso festival de Busan, un dos máis importantes que se celebran en Asia, presentará un total de 314 películas de 79 países de todo o mundo. Entre elas, os últimos títulos de autores como Jean-Luc Godard, Ken Loach, Alain Resnais, Olivier Assayas, David Cronenberg, os irmáns Dardenne, Michael Winterbottom ou Mia Hansen-Løve. 

As altas presións está protagonizada polo actor Andrés Gertrúdix. O seu personaxe, Miguel, viaxa á súa Pontevedra natal co encargo de rexistrar as localizacións para unha película. Tratará de levar a cabo o seu traballo malia que case sempre prefira gravar a xente coa que se atopa nos distintos lugares, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar. A súa viaxe ofreceralle unha nova perspectiva sobre a súa situación e tamén a posibilidade dun novo amor. 

O reparto principal da película complétano Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco e Xabier Deive, xunto a Marta Pazos e Hugo Torres, da compañía teatral Voadora. O filme conta tamén coa colaboración especial do grupo Unicornibot, presente na banda sonora xunto a outros grupos galegos como Fantasmage, Indómitos ou Telephones Rouges. As altas presións está producida por Matriuska Producciones e conta co apoio da Televisión de Galicia, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Pontevedra. 

Trátase da segunda longametraxe de ficción de Ángel Santos (Pontevedra, 1976), logo de Dous fragmentos /Eva (2010) e dunha destacada produción que vai desde a ficción ao ensaio documental, con títulos como El cazador, Adolescentes, Fantasmas #1 e #2, Sara y Juan ou Septiembre, presentes en prestixiosos festivais de cinema de autor e experimental. 

Logo do seu paso por Corea, As altas presións prepara a súa presenza en varios festivais internacionales e prevé a súa estrea en España na primavera do 2015.