Leiva, Camilo, Manuel Carrasco, Sebastián Yatra ou Guitarricadelafuente son algúns dos artistas que pisarán este verán o escenario do festival Costa Feira que, en apenas tres anos, se consolidou no calendario festivo das Rías Baixas.
"O que era un soño antes da pandemia, traer a Sanxenxo un ciclo de concertos así, tres anos despois é unha cita imprescindible", explicou Ignacio Suárez, director de Voltereta Music, a promotora dun evento polo que, cada ano, pasan máis de 50.000 persoas.
Por este Costa Feira pasarán artistas nacionais que, segundo Suárez, acaban de sacar disco como Leiva (2 de agosto), Manuel Carrasco (9 de agosto), Guitarricadelafuente (16 de agosto), aos que se sumarán bandas como Café Quijano (15 de agosto) e Los Secretos (23 de agosto).
Dúas grandes estrelas latinas, Sebastián Yatra (29 de xullo) e Camilo (19 de agosto) darán no festival o seu único concerto en Galicia e Don Patricio (8 de agosto) ou Gordo (14 de agosto) protagonizarán a oferta de Bulla, máis relacionado co lecer nocturno.
A oferta musical desta terceira edición de Costa Feira coñecerase ao completo a principios do próximo mes de xullo, coa incorporación ao cartel de artistas emerxentes e de bandas locais que redondearán un evento que "é moito máis que un festival".

Así o destacou o seu responsable de relacións institucionais, Diego Otero, que lembrou que Costa Feira xera uns 200 empregos directos, un impacto económico que se suma ao feito de que o 80% dos seus provedores son empresas da zona.
No caso dos foodtrucks, ademais, todos os participantes son negocios locais.
A todo isto Ignacio Suárez engadiu que gran parte do público do festival chega a Sanxenxo desde todos os recunchos de España e que "deciden pasar uns días aquí" gozando destes concertos e de todos os atractivos que o municipio ofrece aos seus visitantes.
Nesta presentación participou tamén o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que destacou que "é moi difícil que, en tan só dúas edicións, un festival desta envergadura se consolide", algo que Costa Feira xa o fixo.

"Acertastes coa tecla", díxolles Martín aos organizadores, ante os que se comprometeu a "dar unha volta" para que conten cun maior apoio por parte do Concello. A cambio, pediulles máis eventos ao longo do ano.
Isto é algo no que, segundo Suárez, levan traballando un tempo. Será posible porque no seu recinto queren colocar cada vez máis infraestrutura fixa "porque os custos de montaxe son moi elevados". A intención é que, a curto prazo, poidan acoller "todo tipo de eventos".
As entradas para os concertos confirmados de Costa Feira están á venda en costafeira.com.