A Sala de exposicións do Pazo da Cultura acolleu este sábado o obradoiro "Escoitar a materia: experimentación con arxila reciclada", impartido pola artista Lucía Leirós no marco da mostra "Do final e do comezo".
Durante a sesión, persoas de diferentes idades tiveron ocasión de crear pequenas pezas artísticas a partir de técnicas manuais básicas, e de experimentar coas propiedades da arxila reciclada, integrando fracturas e marcas no proceso creativo.
A actividade, aberta a público familiar, xuvenil e adulto, centrouse en que cada participante interpretase a transformación da materia e as súas posibilidades expresivas a través do contacto directo cos elementos naturais.

Para a xornada do domingo 11, está previsto o encontro "Comezos, encontros e desencontros", que servirá como clausura do ciclo.
A partir das 12:30 horas, o Pazo da Cultura de Pontevedra será espazo de debate sobre o sector cultural, coa participación de diferentes personalidades do ámbito creativo.
Deste xeito, participarán no coloquio Clara R. Cordeiro, xestora cultural, comisaria e historiadora da arte. Natural de Ourense, é socia fundadora de 7H Cooperativa Cultural, desde onde desenvolve proxectos de creación colectiva e innovación social.
Xunto a ela participan tamén Manuel Sendón, figura fundamental da fotografía en Galicia, actuando como fotógrafo, docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e investigador; e Suso Fandiño, artista visual e docente, un dos nomes máis relevantes da súa xeración na arte conceptual galega.
Tamén haberá representantes de Sarao Gallery, proxecto cultural emerxente en Ferrol, plataforma para fomentar o talento entre a mocidade.