Crowdfunding para financiar o novo disco de Malkeda no 20 aniversario da banda

Pontevedra
09 de agosto 2022

A banda pontevedresa creábase a finais do ano 2002 e quere celebrar este aniversario  coa publicación en decembro do álbum 'Malkeda', do que xa están a presentar a portada en redes sociais. Para financiar a gravación, estes músicos de metal alternativo están tentando acadar en corenta días unha recadación económica para financiar os gastos

A banda de metal Malkeda
A banda de metal Malkeda / Malkeda

A banda pontevedresa Malkeda celebrará en decembro deste ano o seu vixésimo aniversario e, con motivo desta conmemoración, o desexo destes músicos é publicar un novo traballo, un disco que levará o mesmo nome da agrupación.

A portada xa se presentou nas redes sociais do grupo e, en breve, poñerán en marcha unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Verkami. Esta iniciativa busca lograr en 40 días unha recadación económica dos seguidores da banda de metal para gravar o novo álbum nos estudos Planta Sónica de Vigo e con masterización nos estudos 24-26 con Robin Schmidt en Alemaña. Ademais financiaranse tamén as recompensas para os mecenas deste proxecto.

"Todo ou nada", así define a agrupación esta campaña para lanzar o disco a finais de ano, que será un peche ao círculo iniciado en 2002 regresando ás raíces para "sentir a calor desa puta chama que se acendeu e está máis viva que nunca", afirma a banda que lidera Checho.

Levan desde marzo traballando con Iago Lorenzo na preparación deste traballo. "Calquera apoio voso é unha bendición para este proxecto", afirman convidando os seus seguidores a que apoien esta proposta despois do éxito do crowdfunding co que se elaborou o anterior traballo 'Cumulonimbo'.