Ata o módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario da Lama desprazáronse este mércores o deputado provincial de Cultura e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para coñecer de primeira man o novo impulso ao programa "A cultura abre camiños á liberdade".
A iniciativa, froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o ente autonómico, pretende reforzar a oferta cultural dirixida ás persoas internas e consolidar a cultura como unha ferramenta real de transformación e reinserción. Non se trata só de achegar espectáculos ou proxeccións, senón de abrir fiestras, estimular a reflexión e ofrecer novas oportunidades persoais e profesionais.
Durante a visita, Perfecto Rodríguez puxo o acento na necesidade de sumar esforzos entre institucións para garantir que a cultura chegue a todos os recunchos da sociedade, especialmente a aqueles onde pode xerar un impacto máis profundo.
O módulo Nelson Mandela, orientado á preparación para a vida en liberdade, é un destes espazos. Nel, as persoas internas participan en itinerarios personalizados de inserción sociolaboral e contan co acompañamento de equipos técnicos especializados en inclusión social.
O programa cultural concretarase, nesta nova etapa, nunha representación teatral da compañía Malasombra e na proxección da película "+Cuñados", dirixida por Luís Avilés e con guión de Araceli Gonda. Dúas propostas que combinan humor, reflexión e identidade galega, e que buscan fomentar o diálogo e o pensamento crítico entre os internos.
Pola súa banda, Jorge Cubela salientou que a cultura é unha ferramenta que derruba muros invisibles e contribúe a xerar igualdade, mesmo en contextos de privación de liberdade. Apostar por actividades culturais dentro do centro penitenciario, subliñou, é apostar por oportunidades reais de reinserción.
O módulo Nelson Mandela da Lama botou a andar en 2019, seguindo a experiencia iniciada en 2008 no centro penitenciario de Teixeiro, un modelo pioneiro impulsado pola Xunta e pola Secretaría de Estado de Institucións Penitenciarias que hoxe é referencia en España e Europa. O seu éxito radica nun enfoque integral: formación, apoio social, desenvolvemento de habilidades persoais e profesionais e, agora con máis forza, acceso á cultura como motor de cambio.
Con esta nova colaboración, a Deputación e o Consorcio reforzan a presenza do cinema, o teatro, a música, a literatura e as artes plásticas tras os muros da prisión, convencidos de que a cultura non só entretén, senón que tamén constrúe camiños cara a unha segunda oportunidade.