Cultura Quente retoma o xoves a súa programación tras unha primeira semana de notable acollida entre o público

Umia
21 de xullo 2020

A partir do xoves 23 o Campo da Torre será o emprazamento das propostas culturais previstas con arupacións e artistas de Caldas ou vencellados á localidade

Unha das actuacións ofrecidas na Praza das Palmeiras de Caldas Concello de Caldas

O Campo da Torre de Caldas de Reis será a partir do xoves 23 o escenario das propostas que segue ofrecendo a presente edición do festival Cultura Quente, adaptado aos condicionantes aos que obriga a situación sanitaria da COVID19. Desta forma todos os espectáculos terán límite de aforo e quen acuda dispoñerán de xeles hidroalcohólicos de peto que entregará o Concello.

Así, o ciclo Son Cileno, en referencia ao pobo que habitaba Caldas na época prerromana, ofrecerá o concerto de Choriños e Afíns a partir das 22 horas do xoves. Ofrecerán un repertorio de chorinhos clásicos, choros compostos polo grupo e arranxos da cultura musical brasileira. O venres 24 ás 22.00 horas será a quenda de Dj Óscar e unha hora despois subirán ao escenario Os Meninos, cunha proposta musical que mira a Portugal mesturando o fado, o jazz, o flamenco, o tango e o reggae.

O sábado 25 continuará a programación ás 22 horas con Dj Xaby e ás 23.00 horas concerto de folk galego con Os D'abaixo que ofrecerán coñecidos temas populares, outros recuperados de recollidas propias e novas composicións. A xornada do domingo 26 prevé unha sesión vermú amenizada pola agrupación folclórica de Caldas, As Espiñas.

Na estrea da súa programación especial para este verán de 2020, durante os pasados xoves e domingo, a acollida do público resultou satisfactoria; sinalou o Concello de Caldas. Neses catro días as actividades previstas desenvolvéronse na Praza das Palmeiras.