Culturgal 2023 acollerá máis de 200 actividades nunha feira expansiva e con perspectiva de futuro

Pontevedra
16 de novembro 2023

Camilo Franco, novo director da Feira das Culturas Galegas, presentou a programación e anunciaba que o Festival iniciará esta edición en Vigo durante os días 23 e 24 de novembro. O Recinto Feiral acollerá o evento entre o 1 e o 3 de decembro coa presenza de 90 expositores. As entradas xa están á venda cunha rebaixa dun 25% respecto á anterior edición coa posibilidade de adquirir bonos familiares.

Presentación de Culturgal 2023
Presentación de Culturgal 2023 / Mónica Patxot

Camilo Franco, novo director de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, presentaba este xoves a programación da décimo sexta edición deste evento, que se vai a desenvolver no Recinto Feiral de Pontevedra entre o 1 e o 3 de decembro de 2023.

Esta edición preséntase baixo a idea de crecer coa vista posta no futuro e a idea de expandirse por distintos puntos de Galicia. "A palabra que define esta edición de Culturgal é medrar", indicaba Víctor López, presidente de Culturgal, que tamén asistía a este acto de presentación acompañado por Jacobo Sutil, director de Agadic; Marta Fernández Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; e Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña.

Todos coincidiron en que se abre unha nova etapa na que se quere recoller o carácter plural do sistema e a oferta cultural de Galicia, que á súa vez recolle "moitas culturas", aseguraba Camilo Franco destacando que esta cita busca "reflectir a potencia, enerxía e capacidade de implicarse na sociedade a través de distintas vidas galegas".

O novo director de Culturgal explicou que o desafío é poñer en relación aos públicos con esta realidade diversa. Desenvolveranse máis de 200 actividades, entre as propostas polos 90 expositores e as que desenvolve a organización da feira.

Estableceranse cinco escenarios: Literatura, Música, Artes Escénicas, Infantil e Arte con diversas iniciativas destinadas a que o público goce. "A cultura galega dá moito para divertirse", recoñeceu Camilo Franco expoñendo algunhas das actividades máis sorprendentes desta edición como as "conversas no ascensor" da escritora María Lado, quen durante o domingo 3, manterá conversacións no ascensor do Pazo da Cultura cos visitantes, "vai saír algo de estudo sociolóxico da xente que vén", comentaba Camilo Franco.

Nesta liña, Culturgal "quere ir borrando as fronteiras dos xéneros", sinalou o director indicando que os formatos se mesturan na actualidade, aínda que continúen ofrecéndose "formatos ortodoxos".

Tamén se desenvolverán competicións libes de víideoxogos a través de Videoxogo.gal; establécese un espazo infantil con actividade permanente con servizo de gardería.

No espazo de Arte darase paso a 12 galerías de arte galegas "que forman parte do tecido cultural", ademais de obras do Centro Galego de Arte Contemporánea ou da Facultade de Belas Artes.

Desenvolverase un encontro de máis de quince clubs de lectura de Galicia e Culturgal tamén será lugar de presentación do podcast de terror 13 Avisos. Historias para escoitar á noite, dirixido por Paula Carballeira, unha das tres premios nacionais que asistirán á feira xunto a Yolanda Castaño e Xesús Fraga.

Nesta edición desenvolveranse diversos recitais poéticos con Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Oriana Méndez, Marga Tojo, Dores Tembrás, María Lado ou Samuel L. Paris.

Tamén se ofrecerá unha orixinal proposta de debuxo en vivo con dispositivos electrónicos a cargo de profesionais da ilustración en Galicia como Kiko da Silva, Fran Bueno, María Bren, Edi García, Miguel Robledo ou Laura Romero.

A intención de Culturgal, segundo o seu director, é achegar ao público os espectáculos, producións e novidades editoriais previstas para 2024. Avanzaranse seis obras cinematográficas e o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego, que cumpre o seu corenta aniversario, presentarán a programación prevista para o próximo ano. No ámbito literario destaca a presenza do escritor Bernardo Atxaga, que presentará o seu último traballo traducido a lingua galega, e de Xesús Fraga, que falará sobre 'Miño', editado por Kalandraka, con imaxes das paisaxes referenciadas no libro.

Camilo Franco convidou á cidadanía para asistir en familia e expuxo a rebaixa no prezo das entradas respecto a a edición anterior. O acceso á feira sairá un 25% máis económico para os petos cunha entrada sinxela en venda anticipada a 3 euros, mentres que no despacho de billetes ascenderá a 5. As entradas para menores con idades comprendidas entre 4 e 15 anos serán de 2 euros anticipadas e de 3 en despacho de billetes. O público interesado tamén terá a oportunidade de adquirir bonos familiares

CULTURGAL EXPÁNDESE A VIGO

Entre as novidades desta edición figura a intención expansiva de Culturgal. Desta forma, durante os días 23 e 24 de novembro desenvolverase o Culturgal Expandido co apoio da Deputación de Pontevedra, na sede de Vigo da institución provincial acollerá actividades, marcando unha liña de traballo que ten intención de permanecer en próximas edicións ampliándose a outros puntos de Galicia.

A entrada durante estes dous días será gratuíta e, entre outras accións, desenvolveranse actuacións de Iolanda Zúñiga con Velpister; Catuxa Salom, un recital de María Lado e unha entrevista a Leilía.

Esta banda fundamental na música tradicional de Galicia durante as últimas décadas ofrecerá un dos seus concertos finais da súa carreira en Pontevedra, no marco do Culturgal, o sábado 2 de decembro no Auditorio do Pazo da Cultura cun prezo das entradas en venda anticipada de 16 euros.

As entradas para la Feira das Culturas Galegas xa se poden adquirir en liña na web de Culturgal.