O que empezou como un traballo práctico para unha materia do Grao en Comunicación Audiovisual terminou converténdose nun premio internacional.
O estudante Marzo Lozano, da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, alzouse co galardón da sección Supernova do Festival Internacional de Cine Curtocircuito grazas a 'El silencio de Allen Robert Angelo'.
Aínda que a obra documental ten unha duración de 27 minutos, inicialmente ía ser moito máis breve. E é que como práctica académica, Lozano debía gravar unha curtametraxe documental de cinco minutos centrado nun home de orixe alemá que vive nas montañas de Galicia, afastado da modernidade.
Con todo, o material gravado foi tomando forma até converterse nunha peza máis ampla centrada na figura de Allen Robert Angelo.

A sección Supernova, na que se impuxo o traballo de Lozano, está dedicada a primeiros traballos que teñen fácil acceso a grandes espazos de difusión profesional.
En total foron seleccionadas 16 obras para competir nesta categoría do certame, que se celebra en Santiago de Compostela e que acaba de pechar a súa vixesimoterceira edición.
"Cando recibín o correo electrónico que me avisaba de que gañara, non o podía crer", recoñeceu Marzo, quen valorou o premio como un impulso para seguir creando e como unha demostración de que "non fai falta ter moitos recursos para facer algo que realmente teña valor".
O documental naceu no primeiro ano de carreira de Lozano, tras o seu paso previo polo CIFP Audiovisual de Vigo, como traballo para a materia Cine de non ficción, impartida por Diana Ramahí.
O estudante decidiu centrar a peza en Allen Robert Angelo porque, segundo explica, "parecíame unha persoa moi interesante desde que era pequeno" e a súa intención foi retratalo "da mesma forma na que o vía, observándoo en silencio".

Desa idea xurdiu un documental observacional que busca mostrar a vida sinxela do protagonista e a súa profunda conexión cos animais. O silencio, lonxe de ser un baleiro, convértese nun elemento narrativo esencial e acaba funcionando como un coprotagonista máis da historia. O propio Lozano define a peza como unha obra que "observa, escoita e respecta o silencio".
O xurado da sección Supernova destacou precisamente esa mirada íntima e próxima, así como a ausencia de concesións á inmediatez que domina boa parte do discurso audiovisual actual.
Tras este primeiro premio, aspira a que 'El silencio de Allen Robert Angelo' atope percorrido noutros festivais.
Xunto ao documental premiado, a sección dedicada ao cine emerxente galego incluíu outros traballos vinculados á Universidade de Vigo. Entre eles figuran 'Oda á extinción', da estudante de Belas Artes Isabella Moreno, e 'Persistencia do baleiro', realizada pola mesma autora xunto con José García Estévez.
Tamén foron seleccionadas obras como 'Unha e outra vez', da alumna de Belas Artes Alba Amoedo; 'Salir do limbo', do estudante de Comunicación Audiovisual Antón Rodríguez; e 'Fun abalar a pedra que está no medio do mar', do alumno de doutoramento Breogán Xague.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.