Curtas Festival do Imaxinario entra no circuíto que dá acceso aos Premios Goya

O Salnés
08 de xuño 2026
Actualizado: 14:33

A curta que se alce co premio á mellor curtametraxe fantástica nacional obterá un acceso directo aos premios máis importantes do cine español

Curtas Festival do Imaxinario
Curtas Festival do Imaxinario / Curtas Festival do Imaxinario

A Academia de Cine Español incluíu ao Curtas Festival do Imaxinario á lista dos festivais calificadores para os Premios Goya na categoría de curtametraxe de ficción.

Esta nova designación terá efectos xa na próxima edición, polo que os traballos que compitan na Sección Oficial Fantástica a Competición poderán ter opcións para competir nos Goya.

Para iso haberá un pase de acceso directo para o curto que se alce co premio á mellor curtametraxe fantástica nacional no festival de Vilagarcía, mentres que o resto de participantes sumarán méritos de cara a cumprir os criterios esixidos pola Academia.

Desde a organización valoran este recoñecemento como a formalización do traballo realizado en favor do cine de xénero e supón unha mellora no servizo que o festival ofrece aos cineastas.

O nomeamento, ademais, contribúe a aumentar a visibilidade das curtametraxes exhibidas no festival.

Con máis de medio século de historia, Curtas mantense como o certame audiovisual máis veterano de Galicia e un dos referentes do fantástico e o terror.

A solvencia do festival apóiase na súa pertenza á Méliès International Festivals Federation, que lle permite outorgar o Méliès d'Argent ao mellor curto fantástico europeo, ou recoñecementos recentes como a EFFE Label 2026-2027 da European Festivals Association ou a súa inclusión entre os 90 festivais de xénero máis destacados do mundo segundo Dread Central.

Declarado Evento de Interese Turístico, Curtas volverá transformar Vilagarcía este outono cunha programación internacional de longametraxes e curtametraxes, ademais de actividades paralelas como encontros con cineastas, exposicións e talleres.

A 54ª edición celebrarase do 23 de outubro ao 1 de novembro.