Curtas dunha trintena de países exhibiranse nun FICBueu que chega á súa maioría de idade

Bueu
02 de setembro 2025
Actualizado: 17:21

O festival, que se presentou este martes, ten preparada unha programación con case 80 películas, das que 32 serán estreas en Galicia, nove son inéditas en España e dúas debutarán internacionalmente

Presentación do FICBueu 2025
Presentación do FICBueu 2025 / FICBueu - Prolight Estudio

Coa proxección de Romería, a película que a directora Carla Simón rodou nas Rías Baixas, arrancará a décimo oitava edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBueu, que exhibirá curtas dunha trintena de países entre os días 5 e 20 de setembro.

O festival, que se presentou este martes en Bueu, ten preparada unha programación con case 80 películas, das que 32 serán estreas en Galicia, nove son inéditas en España e dúas debutarán internacionalmente, segundo explicaron os seus responsables.

O FICBueu manterá unha "liña continuista", destacaron María Ruiz-Falcó e Manuel Pena, os seus codirectores, cunha presenza maioritaria de filmes cunha "gran carga social", tanto no discurso narrativo coma no tratamento da imaxe.

Ademais, o festival mantén a súa posición crítica ante o xenocidio en Gaza, excluíndo novamente as curtametraxes financiadas polo goberno de Israel.

Ata 27 curtametraxes integrarán a sección Oficial deste FICBueu, entre elas as películas galegas Abellón, de Fon Cortizo; Hippocampus, de Xaime Miranda; e Patios de luz, de Fran Rodríguez.

A elas sumaranse catro españolas máis, Campolivar, de Alicia Moncholí; Furia, de Fran Moreno e Santi Pujol Amat; El príncipe, de Àlex Sardá; e El banner, de Tomás Terzano.

O luns 8, ademais de Abellón, exhibiranse Sombras, de Rand Beiruty; e 2006, de Gabriella Chouiefaty; coproducións entre Francia e Jordania e Líbano, respectivamente; a portuguesa Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves; e a sueca Muerte de un héroe, de Karin Franz Körlof.

Hippocampus encabezará a oferta do martes 9, xunto á austríaca Tako Tsubo, de Eva Pedroza e Fanny Sorgo; a arxentina Este no es tiempo para carnaval; de Tadeo Pestaña Caro e Kevin Havas;  a alemana Rose, de Annika Mayer; e a británica Fiesta de bienvenida, de Liam White.

O mércores 10 será o día de Patios de luz; a islandesa O, de Rúnar Rúnarsson, a estadounidense Moon Lake, de Jeannie Sui Wonders; e a canadiense Hello, Stranger, de Amélie Hardy.

Xa o xoves 11, ademais de Campolivar, o público poderá ver a curtametraxe italiana La teoría de los egregores, de Andrea Gatopoulos; a chinesa Actividad extraescolar, de Xu Yidan e Dean Wei; e a colombiana 1 hijo & 1 padre, de Andrés Ramírez Pulido.

Para o venres 12 quedan, xunto a Furia, a película brasileira Amarela, de André Hayato Saito; a estonia Marchan con alas cansadas, de Anu-Laura Tuttelberg; a mexicana Domingo familiar, de Gerardo del Razo; e a portuguesa Malo por un rato, de Daniel Soares.

E, por último, o sábado 13 -último día para a sección oficial- as españolas El príncipe e El banner estarán acompañadas da curtametraxe alemá Cielo como seda. Lleno de naranjas, de Betina Kuntzsch; e da grega 400 casettes, de Thelyia Petraki.

GZ_00 E DESCUBERTAS

Seis filmes integrarán, pola súa banda, a sección GZ_00, dedicada aos novos creadores galegos. Son O corpiño, de Blanca Navarrete e Antía Rodeiro; Monstera, de Diego R. Aballe; Holdsworth, de Xosé Dopazo; Delincuente, de Alba Domínguez e Nuria Vil; Boca de asno, de Carlos Calvar; e Algo novo que contar, de Paula Pereira.

En Descubertas, a sección reservada para obras máis vangardistas e innovadoras, participarán cinco películas. Serán Una extrañeza perfecta, de Alison McAlpine (Canadá); Apocalipsis, de Méry Benoit (Francia); Nueve días en agosto, de Ella Knorz (Alemania); En espera, de Delia Hess (Suiza); e [S], de Mario Radev (Reino Unido-Polonia-Bulgaria).

Xunto con estes tres apartados principais, o festival volverá a impulsar dúas seccións competitivas para o estudantado de escolas audiovisuais ou de cinema, creadas coa intención de xerar unha sinerxía coa comunidade educativa e o público do futuro.

O programa do FICBueu, que combinará cinema, música e encontros profesionais, abrirá este venres 5 de setembro coa proxección de Romería, coincidindo coa súa estrea en salas comerciais. O pase estará precedido dun concerto gratuíto do trío Furanchology. 

Durante os seguintes días, en paralelo coa exhibición dos filmes seleccionados, celebraranse as habituais xornadas cinematográficas, centradas este ano na relación entre música e cinema; e tamén se presentará o Caderno FICBUEU #6 (sábado 13).

Este mesmo día, a sección retrospectiva achegará ao público filmes dos realizadores Alexander Kluge, João César Monteiro, Chantal Akerman, Pier Paolo Pasolini e Jomí García Ascot, nunha liña temática vinculada á identidade e ao exilio.

Xa na segunda semana do FICBueu, entre os días 15 e 20 de setembro, será o MiniFIC, un programa específico orientado ao público infantil e xuvenil, co obxectivo de fomentar o interese polo cinema nas novas xeracións.

Máis de 2.000 nenos e nenas participarán nesta proposta, que inclúe proxeccións de curtametraxes internacionais adaptadas a diferentes idades, así como a sección centros educativos, na que alumnado de toda Galicia presentará as súas propias creacións audiovisuais.

Na presentación deste décimo oitavo FICBueu, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou o "gran momento" que vive o audiovisual galego e que, segundo subliñou, "ten moito que ver cos festivais", que acollen e proxectan os seus filmes.

Carmen García, concelleira de cultura, afirmou que estes 18 anos "dan boa mostra da madurez e da consolidación" do festival, e Jorge Cubela, o deputado provincial de cultura, puxo en valor que un concello pequeno como Bueu "poida concentrar o mellor audiovisual a nivel mundial".