Danza e videocreación para unha divertida xornada en Domingos do Principal

Pontevedra
05 de febreiro 2017

A compañía valenciana 'La coja dansa' interpretou no Teatro Principal de Pontevedra o espectáculo Amagatall, unha mestura de danza contemporánea e videocreación que fixo as delicias dos máis pequenos

La coja dansa representa 'Amagatall' en Domingos do Principal
La coja dansa representa 'Amagatall' en Domingos do Principal / Diego Torrado

Cuarta xornada do ciclo Domingos do Principal no Teatro Principal de Pontevedra.

A compañía valenciana 'La coja dansa' interpretou no Teatro Principal de Pontevedra o espectáculo Amagatall, unha mestura de danza contemporánea e videocreación que fixo as delicias dos máis pequenos, con sesións programadas ás 12:00 e 18:30 horas.

Amagatall narra a aventura duns pais que van na procura de Claudia, a filla, que sae voando agarrada a un globo. Percorren todos os lugares aos que Claudia foxe coa imaxinación cando non entende o mundo dos adultos.

Os asistentes á función puideron atravesar lagos encantados, países de xoguetes, bosques tenebrosos ou unha impactante pradería de globos, lugares todos eles que a protagonista inventa ao longo da historia.

A próxima xornada de Domingos do Principal será o día 12 de febreiro con Xurdefet, da compañía galega Berrobambán, un espectáculo de teatro de autor recomendado a partir de 6 anos.