Depedro enche a Sala Karma por segunda vez e namora o público pontevedrés

Pontevedra
30 de setembro 2017

Poucos artistas poden presumir de encher dúas veces, en apenas oito meses, un escenario en Pontevedra. Logrouno Depedro, o alter ego do músico madrileño Jairo Zavala, que foi o protagonista do concerto que o público pontevedrés puido gozar este venres na Sala Karma

Concerto de Depedro na Sala Karma Mahou

Poucos artistas poden presumir de encher dúas veces, en apenas oito meses, un escenario en Pontevedra. Logrouno Depedro, o alter ego do músico madrileño Jairo Zavala, que foi o protagonista do concerto que o público pontevedrés puido gozar este venres na Sala Karma.

Cunha actuación máis íntima do que nos ten afeitos, Depedro seduciu a un público entregado desde que, pouco despois de saír ao escenario, soasen os primeiros acordes de Un hombre bueno, un dos seus temas máis coñecidos.

Ao longo do concerto, o artista madrileño repasou os grandes éxitos da súa carreira musical, cun protagonismo especial para El pasajero, o seu último disco, e Acuérdate, un EP editado recentemente no que colaboran, entre outros, Fuel Fandango ou Amparanoia.

Así, o público coreou sen descanso cancións como Déjalo ir, DF, Nubes de papel, Diciembre, Chilla que tiemble ou Panamericana, entre outros.

Con Depedro, Pontevedra volveu gozar dun artista que viaxa entre o pop, a psicodelia, a música latina, a música africana ou a americana de raíz, unha fusión que a voz de Jairo Zavala fía cunha mestría asombrosa, recollendo influencias que van desde México ata as raíces do África occidental.