Pontevedra celebrou este domingo o Día Europeo da Música ao ritmo da tradición galega.
O exterior do Pazo Provincial da Deputación acolleu o espectáculo "Percorrendo a nosa Galicia. No torreiro", protagonizado pola Agrupación Folclórica Celme.
A actuación, organizada pola Deputación de Pontevedra, serviu para reivindicar o papel das agrupacións musicais e folclóricas na conservación e difusión do patrimonio cultural galego.
Durante a mañá, os asistentes puideron realizar unha viaxe pola riqueza musical e etnográfica de Galicia a través dunha proposta que combinou música, canto, baile e traxe tradicional.
O repertorio incluíu pezas interpretadas con instrumentos tan representativos como gaitas, tambores, bombos, pandeiretas e acordeóns, aos que se sumaron outros elementos singulares da tradición popular, como latas, vieiras ou aixadas.
As cancións das pandereteiras e as danzas executadas por parellas mixtas completaron un espectáculo que trasladou ao público á atmosfera festiva dos antigos seráns e romarías galegas.
Con esta iniciativa, a institución provincial quixo poñer en valor o labor que desenvolven as agrupacións tradicionais na transmisión da cultura popular ás novas xeracións, aproveitando unha data simbólica como o Día Europeo da Música para achegar estas manifestacións culturais á cidadanía.
A programación impulsada pola Deputación arredor desta celebración continuará nas próximas semanas coa presentación da publicación “Redondela (pasodobre galego)”, unha obra destinada á súa difusión entre as bandas de música.