Deputación manterá as axudas aos festivais de cinema, que se adían ao último cuadrimestre do ano

Pontevedra
25 de maio 2020

Na reunión telemática celebrada entre o organismo provincial e os representantes dos festivais de cinema tamén se avanzou na creación dunha ‘marca propia de calidade’ que integre a todos os festivais, que será escollida de forma consensuada, e que terá unha presentación oficial despois da cita electoral de xullo

Detalle do cartel do FICBUEU 2019
Detalle do cartel do FICBUEU 2019

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar que manterá todas as axudas e subvencións aos festivais de cinema da provincia. Así llo confirmaba a presidenta Carmela Silva ás organizacións dos eventos e aos concellos nos que se desenvolven durante un encontro telemático celebrado este luns.

Nesta reunión online confirmouse que todos os festivais aprazarán a súa celebración ao último cuadrimestre do ano e tamén se avanzou na creación dunha ‘marca propia de calidade’ que integre a todos os festivais, que será escollida de forma consensuada, e que terá unha presentación oficial despois da cita electoral de xullo.

Esta marca propia permitirá que o cinema poida entrar noutros circuítos de promoción da provincia, amais do cultural, como é o turístico xa que, como manifestaba Carmela Silva, "elo entronca directamente co modelo de turismo cultural e sostible cara a Axenda 2030 que defendemos na institución".

Como apoio a esta acción, a Deputación porá en marcha unha potente campaña de difusión, tanto online como offline, na que tamén se mercará un lote de entradas para sorteos entre o público que sirva como acicate na súa difusión.

Así mesmo, ante a incerteza dos protocolos sanitarios que terán que aplicarse en función da evolución da Covid19, a Deputación e os Festivais estudarán a posibilidade de elaborar un modelo único para todos os eventos, que garanta a seguridade cara ao público. Neste sentido, a presidenta provincial comprometeuse a facilitar á organización dos eventos "todo o material do que dispoñamos, tanto de sinalización, de deseño de espazos e incluso de protección como os dispositivos móbeis de control de temperatura, amais da formación necesaria para usalos".

Para tranquilidade do sector, a Deputación anuncia que ningún festival de cinema quedará sen o apoio do organismo provincial. A solicitude das axudas terá de prazo ata o vindeiro 13 de xuño, unha vez que se restablezan os procedementos administrativos o próximo 1 de xuño, e flexibilizaranse as condicións para a xustificación de gastos, posibilitarase a adaptación das memorias e poderá realizarse un anticipo de ata o 50% da axuda.

Serán gastos xustificables aqueles debidos á excepcionalidade da situación; os xa realizados para o evento aprazado dentro deste ano; os derivados da consecución de garantías sanitarias e os derivados de campañas de promoción atemporal enmarcadas no relanzamento dos festivais cara a 2021. Incluso se está a estudar algunha medida de apoio para o caso de suspensión dalgún festival, aínda que se están a facer os esforzos necesarios para que non se cancele ningún.

Na videoconferencia coa presidenta da Deputación participaron as promotoras dos festivais PlayDoc de Tui, FIC Bueu, Festival de Cans do Porriño, Curtas Armandiña de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cine Inclusivo, FreakyFilm e Primavera do Cine, os tres de Vigo, e Curtas FilmFest de Vilagarcía de Arousa. Tamén se conectaron a este encontro dixital representantes dos concellos de Pontevedra, Vigo, Bueu, Poio, O Porriño, Tui e Vilagarcía.