A Deputación sortea un adorno artesanal da exclusiva colección ViCo

Pontevedra
03 de decembro 2025
Actualizado: 8:37

O sorteo estará operativo ata as 10 horas do 22 de decembro e ao longo dese mesmo día publicarase o nome da persoa gañadora,

A Deputación sortea un adorno artesanal da colección ViCo
A Deputación sortea un adorno artesanal da colección ViCo /

Este Nadal, a Deputación de Pontevedra quere que vivamos as festas desde dentro, e faino cunha programación chea de propostas culturais por toda a provincia. Unha das máis especiais é, sen dúbida, a exposición de adornos artesanais da colección ViCo, que enche o Pazo provincial de cor, tradición e moita maxia.

Son seis vitrinas que recollen unha pequena mostra das 1.200 pezas que forman esta colección única, con adornos procedentes de distintos países europeos e que xa teñen pasado por museos de España e Portugal.

Para achegar esta marabilla á cidadanía, a Deputación vén de poñer en marcha un sorteo nas súas redes sociais. O premio é un dos adornos expostos: unha auténtica xoia de vidro, feita de maneira totalmente artesanal, soprada a boca e pintada a man, chegada directamente de Europa central.

Participar é moi doado. Só tes que darlle “gústame” ao vídeo da colección ViCo publicado no Instagram da Deputación de Pontevedra, seguir tanto á propia Deputación como á conta da colección, e sacar unha foto da decoración do Pazo ou da exposición. Finalmente, menciona en Instagram a @deputacionpontevedra e @coleccion.vico. Tes ata ás 10:00 horas do 22 de decembro para apuntarte, e ese mesmo día publicarase o nome da persoa gañadora.

A colección ViCo naceu en 2009 durante unha viaxe a Polonia de Carlos Vieira e Fátima Cobo, os seus propietarios. Desde entón non deixaron de incorporar pezas creadas por artesáns e pequenos obradoiros —ás veces formados unicamente por dous ou tres vidreiros— de países como Polonia, Alemaña, República Checa, Austria, Rusia ou Ucraína.

No Pazo Provincial podes ver unha selección organizada en seis vitrinas que dialogan coa identidade interior da provincia: a súa paisaxe, a súa arquitectura, o seu mundo rural e a súa rica gastronomía.