"Seguramente visitáronnos os críticos, pero nós non o sabiamos", a sorpresa de Confitería Solla ao lograr o Solete de Nadal

Pontevedra
01 de decembro 2025
Actualizado: 14:57

A tenda-obradoiro da rúa Michelena obtén o único Solete de Nadal concedido a unha pastelería en toda a provincia, que recoñece a súa tradición artesá e o seu encanto propio

Parte do equipo que forma Confitería Solla
Parte do equipo que forma Confitería Solla / Mónica Patxot - Arquivo

Un dos establecementos máis emblemáticos de Pontevedra, Confitería Solla, converteuse este ano no único local da cidade distinguido cun Solete de Nadal de Guía Repsol, que a recoñece como un "sitio con encanto ao que sempre queres volver".

Ademais, é a única pastelería de toda a provincia que recibe este recoñecemento. 'Casa Ces' e 'Tintanegra', en Poio; 'Vago Viños', en Cambados; 'El Gaucho', en Silleda; e 'Regato Praia', en Redondela, completan a lista de seis locais que portarán o distintivo amarelo na provincia.

A nova sorprendeu por completo á propietaria, Mayka Solla, quen recoñece que se decatou na mañá deste luns 1 de decembro polos medios de comunicación. "Recibín esta noticia con moita alegría e con sorpresa, porque non sabía nada. E con moito agradecemento tamén", explica.

Asegura que nin ela nin o seu equipo tiñan constancia da visita dos expertos gastronómicos: "Seguramente viñeron os críticos, pero nós non o sabiamos, e verían as cousas tal cal son. Non preparamos nada especial".

Sobre a definición de "sitio con encanto", Mayka Solla asegura que encaixa coa ilusión que guía o traballo na tenda e o obrador desde os inicios: "Se nos consideran un sitio con encanto, é algo moi bonito. Sempre quixen que os pontevedreses se sintan orgullosos de ensinar a pastelería a familiares e amigos que veñen de fóra".

A propietaria quere recoñecer a todas as persoas que fixeron posible este recoñecemento: "O mérito deste Solete é, primeiro de nada, dos meus pais, que abriron Confitería Solla en 1967. E tamén do equipo no obrador e na tenda, e por suposto da xente de Pontevedra, que sempre está aí apoiando".

A propietaria reivindica tamén o valor do produto local, un dos criterios clave dos Soletes: "Traballamos o tradicional e o artesán, con produtos moi propios de Galicia: a torta rusa tan típica de Pontevedra, os melindres, as tortas de Santiago…"

Na ficha oficial da Guía Repsol dedicada a Confitería Solla lembra que cada Nadal "longas colas ansían o seu culebrón, as súas anguías de mazapán ou o seu turrón e polvorón artesanal". Preguntada por este ansiado doce, Mayka confirma que "o que falamos no obradoiro organizando, é que sairá sobre o 19 ou 18 de decembro, porque tentamos sacalo o máis cerca posible de Noiteboa para que estea fresquiño e no seu mellor punto".

SOLETES

Os Soletes de Guía Repsol son unha distinción creada en 2021 para destacar recunchos con encanto e bo ambiente que destacan pola súa proximidade e autenticidade. Naceron para apoiar á hostalería tras a pandemia.

A súa selección corre a cargo dun equipo de expertos gastronómicos repartidos por todo o país, que busca de forma continua os locais que merecen o distintivo.

Os Soletes de Nadal destacan bares, restaurantes, vinotecas, ultramariños, confeiterías e mesmo conventos que elaboran doces artesáns (novidade este ano). Nesta nova edición, ponse o foco neses establecementos cotiáns capaces de emocionar pola súa autenticidade e o seu bo facer, distinguindo máis de 300 establecementos en toda España e 18 en Galicia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora