Lola Dopico, directora de Esdemga e principal investigadora do grupo DX7, acompañada pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, presentaba este luns o portal Design & Fashion Future Lab. Esta web contén unha base de datos que reúne máis de 300 fichas relacionadas con proxectos internacionais que están vinculados co uso de materiais relacionados co deseño, a moda, a arte e a tecnoloxía.
O grupo DX7 está formado por especialistas en arte, deseño gráfico, cultura dixital e deseño de moda que elaboraron este traballo que se perfila como unha ferramenta académica e que tamén sirva como material para o ámbito das empresas e para o público en xeral.
O proxecto recolle palabras clave como, entre outros, biocultivo, eco-fashion ou altera sentidos, que se relacionan con obras vencelladas aos distintos autores con casas de costura tanto coñecidas como conectadas a pequenos proxectos académicos.
Máis da metade destas referencias teñen a súa orixe en Universidades, algunhas delas mesmo pertencen ao campus de Pontevedra, segundo afirmaba Lola Dopico, que considera que o principal obxectivo desta web é aforrar traballo a outros investigadores que queiran interesarse en materiais elaborados a través de procesos químicos, biolóxicos, electrónicos ou informáticos.
O grupo DX7 comezou en 2015 coa elaboración da estrutura e en 2016 iniciouse a subida de referencias. Agora irase actualizando coa intención de que vaia crecendo como base de datos.