Da Esdemga ao máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda

Pontevedra
02 de outubro 2017

Facer un programa moi dinámico e marcado pola práctica directa. Así será o plan de estudos do master en Deseño e Dirección Creativa de Moda, o título que a partir de agora substitúe aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, a Esdemga

Alumnos e mestres do máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda
Alumnos e mestres do máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda / Universidade de Vigo

Facer un programa moi dinámico e marcado pola práctica directa. Así será o plan de estudos do master en Deseño e Dirección Creativa de Moda, o título que a partir de agora substitúe aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, a Esdemga.

Vinte e tres alumnos son, desde este luns, os primeiros en cursar este master que se impartirá la Facultade de Belas Artes. Todos eles viviron este luns 2 de outubro a súa primeira toma de contacto. O título ten dous anos de duración e está composto de 120 créditos. 

Este primeiro grupo de alumnos está formado por graduados e graduadas en Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Arquitectura, Dirección e Administración de Empresas ou Historia da Arte, xunto con titulados no eido da educación e da propia Esdemga.

"A verdade é que chamounos moito a diversidade de perfís", destaca a coordinadora do master, Lola Dopico, quen deu a benvida a un "grupo magnifico", caracterizado por unha diversidade que achegará "unha fusión de formas de ver as cousas moi enriquecedora"

Acompañada por varios dos docentes da titulación, Dopico salientou que "para nós é un novo inicio, pero temos unha experiencia acumulada detrás tras máis de dez anos dun título propio, aínda en activo".

En esencia, este master "recolle o mellor do título propio", asegura a directora da Esdemga, e buscará manter a vinculación cos profesionais dos sectores do deseño e da moda que contribúen á formación do alumnado da escola e que seguirán impartindo seminarios para manter a marcada relación co ámbito profesional.

Nese senso, un dos propósitos da dirección do posgrao é o de "potenciar as prácticas extracurriculares nas moitas empresas coas que xa temos unha moi boa relación".

Do mesmo xeito, tamén se avoga porque os traballos finais do alumnado se centren tamén na "formación integral de construír unha colección, xerar un discurso e vivir a túa primeira experiencia concreta como deseñador" que implicaban os proxectos de fin de estudos de Esdemga, dos que unha selección é estreada cada ano no desfile Debut.