"A experiencia foi fantástica, verte xunto a un grupo de escolas que son unha referencia internacional é moi emocionante".
Deste xeito resume Lola Dopico, directora de Esdemga, o que supuxo o paso da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes pola Graduate Fashion Week, a pasarela londinense na que o alumnado dos principais centros formativos británicos exhibe os seus proxectos e que, na súa xornada de peche, amosou tamén as coleccións de estudantes de 32 universidades e escolas de Europa, América e Asia.
Entre os seleccionados pola organización para a Swarovski International Catwalk Competition figuraba por primeira vez este título da Universidade de Vigo, que estivo representado na pasarela do Truma Brewery londinense pola colección que a egresada Aida Mosquera presentou na última edición de Debut.
As estadounidenses The New School Parsons e Savannah College of Art and Design, a Esmod e o Instituto Marangoni de París, a Universidade das Artes de Berlín, a FAD da India ou a Bunka Fashion Graduate University de Xapón son algúns exemplos desta relación de 32 escolas e universidades seleccionadas para este desfile internacional, no que o premio, entregado na noite deste mércores, foi para Po-Chien Chew, da Shih Chien University de Taiwán.