Dez anos de Cantos na maré

Pontevedra
01 de decembro 2012

O 12 de xaneiro no Pazo da Cultura vai desenvolverse a décima edición deste encontro musical coa participación de Rui Veloso, Chico César, Cheny Wa Grave e Sés

Culturgal foi o escenario escollido para a presentación da Décima edición de Cantos na Maré, un evento que volverá unir ao mellor do panorama musical lusófono en Pontevedra a primeiros de 2013.

Uxía Senlle, directora artística deste encontro apuntou durante a presentación que os "artistas veñen aquí para propiciar o intercambio cultural". Así nesta ocasión se citarán no Pazo da Cultura o pai do rock portugués, Rui Veloso, con máis de trinta anos de carreira que o converten en todo un referente musical.

 

O brasileiro Chico César que xa partició na primeira edición celebrada na Praza da Ferrería repetirá coa mesma enerxía e os ritmos máis intensos.

 

Cheny Wa Gune chega dende Mozambique para fusionar a tradición do seu país coa música moderna a través da timbila, un instrumento da familia dos xilófonos. Galicia estará representada pola forza interpretativa de Sés e da propia Uxía.

Paco de Pin, responsable de Nordesía, empresa produtora do espectáculo apuntou que as entradas estarán á venda nos próximos días a través de servinova ao prezo de 25 euros e sinalou que isto "supón un 30% da financiamento do espectáculo, o 40% é acportado polo Concello de Pontevedra mentres que o 30% restante procede de múltiples colaboradores".

Cantos na Maré celebrarase o 12 de xaneiro no Pazo da Cultura ás 9 da noite e as entradas que se adquiran na billeteira terán un prezo de 30 euros.