Dez formacións exercen de 'Paseantes' con itinerarios musicais no centro urbano

Pontevedra
18 de xullo 2019

Durante este venres 19 e o sábado 20, esta iniciativa achegará a música en directo e en pequeno formato a prazas e rúas de Pontevedra en horario de tarde e noite

Concertos da edición 2018 do ciclo Paseantes
Concertos da edición 2018 do ciclo Paseantes / Mónica Patxot

Este venres 19 ás 13.00 horas, a praza de San Xosé será o primeiro punto de encontro de 'Paseantes'. Alí, o grupo de blues-rock arousán La Bestia Turca ofrecerá o primeiro concerto dun itinerario musical que se prolongará ata a medianoite do sábado 20.

Ao longo destes dous días ofrecerase ás persoas que percorren o centro urbano unha oferta cultural con música de diferentes estilos. Este mesmo venres a partir das 20.00 horas na glorieta de Compostela actuará o grupo de música tradicional Aghrou. Ás 21.15 no mesmo punto chegará o momento electrónico con Aparato. E a xornada finalizará coas actuacións na praza de Ourense a cargo de Bottonbeat e The Swinging Flamingos, ás 22.00 e ás 23.15 horas.

Xa na xornada do sábado, Carla Green & The Demons abrirán o evento cunha actuación ás 13.00 horas en Santa María. A partir das 20.00 horas, a música trasladarase á Praza de Curros Enríquez con Blues do País, que deixará paso a Vudú, proposta que enlaza son tradicional e soul.

'Paseantes' finalizará na rúa Bastida coas actuacións ás 22.00 e ás 23.15 horas de Patricia Moon e The Teta's Van.