Como ven os escolares obras esenciais do Museo de Pontevedra como o Tesouro de Caldas; a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano; o miliario romano de Salcedo; unha autocaricatura de Castelao; a obra 'O Mercado' de Carlos Maside ou 'Mulleres parolando', de Luís Seoane?
Estas e outras obras foron utilizadas a través de réplicas en diversas localidades do Camiño Portugués a Santiago coa idea de que os máis pequenos ofrecesen a súa particular perspectiva sobre estes elementos de gran valor artístico e patrimonial.
Con este material ábrese unha mostra no Museo de Pontevedra ata o domingo 24 de outubro dentro do programa 'O Museo en Camiño', en colaboración coa Xunta, na que se recollen os traballos elaborados por eses escolares de municipios como Barro, Caldas de Reis, Arcade, Valga, Pontecesures, Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes e Padrón.
En diversos obradoiros, os grupos de escolares traballaron técnicas como o autorretrato, a ourivaría con estaño; a banda deseñada utilizando o Retablo de San Acacio como referencia medieval, entre outras técnicas, para ofrecer nesta mostra as súas versións das dez pezas singulares do Museo que se poden ver na instalación situada no vestíbulo de cristal do Edificio Castelao. Estes traballos contan cun código QR para poder ver vídeos de como foron elaborados e seguir instrucións sobre como realizar a visita presencial a esta exposición.
José Manuel Rey, director do Museo, destacou na presentación o atractivo resultado dos obradoiros e a importancia dese tipo de accións para converter a esta institución nun elemento dinamizador e transformador da sociedade. O xefe da área provincial de Turismo, Felipe Ferrero, lembrou que a iniciativa busca potenciar o Camiño como roteiro cultural, turístico e patrimonial en relación co Museo e entre a poboación máis nova.
Por último, África Martínez, representante do grupo que propuxo este proxecto a cargo de Paspallás e Taller Aberto en colaboración coa Universidade, explicou a importancia didáctica desta iniciativa, que realiza un repaso panorámico desde a Prehistoria ata o século XX.